30 anos da Denominación de Orixe das Rías Baixas
Esta DO vitivinícola ten certificadas máis de 4.000 hectáreas propiedade de 5.343 viticultores e 184 industrias, cunha produción en 2017 de 25 millóns de litros
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, participaron hoxe nos actos polo 30 aniversario da denominación de orixe vitivinícola Rías Baixas, organizados polo Concello de Salvaterra de Miño e a Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos, variedade que esta fin de semana celebra precisamente a súa festa.
A cita supuxo unha homenaxe a diferentes persoas (adegueiros, viticultores, membros do Consello Regulador ou traballadores públicos) que contribuíron ao impulso e posterior consolidación da DO Rías Baixas como parte do desenvolvemento económico de Galicia.
O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, salientou neste sentido o peso que ten esta denominación de orixe na Comunidade galega e o ascenso meteórico que experimentou nestes trinta anos, tanto en produción como en volume de negocio.
Así, no 2017 estaban certificadas máis de 4.000 hectáreas propiedade de 5.343 viticultores e 184 industrias, que conseguiron unha produción de case 25 millóns de litros.
Porén, matizou o director xeral, o reto das vindeiras décadas debe seguir sendo a internacionalización do produto, se ben é certo que nos últimos anos a través das distintas liñas de promoción internacional que ten a Consellería do Medio Rural avanzouse a pasos axigantados neste eido.
Desde a perspectiva turística, Nava Castro subliñou o relevante papel que a DO Rías Baixas está a xogar na consolidación do enoturismo, un importante reclamo para os viaxeiros e que constitúe un valor diferencial que a Estratexia do turismo de Galicia 2020 está a impulsar.
Amais, salientou a súa aposta pola excelencia, pois preto da metade das adegas españolas certificadas coa Q de Calidade Turística atópanse na nosa Comunidade.
A directora de Turismo eloxiou as experiencias relacionadas coas Rutas dos Viños, en cuxa sinalización e promoción está a implicarse a Xunta con orzamento comprometido para os próximos anos, ás que se suman produtos como Paseando entre viñedos e os Trens Turísticos de Galicia, con seis rutas que recorren as diferentes zonas vitivinícolas.