Usuarios do servizo de drogodependencias de Ribeira participarán nun campo de traballo na illa de Sálvora
Esta acción transcorrerá do 27 ao 31 de agosto logo dos bos resultados acadados na experiencia do verán pasado
Nove usuarios do Servizo de Drogodependencias de Ribeira que pertencen ao taller de carpintería participarán a vindeira semana nun campo de traballo na illa de Sálvora.
Esta acción transcorrerá do 27 ao 31 de agosto logo dos bos resultados acadados na experiencia do verán pasado en aras á súa integración social e á súa sensibilización sobre a conservación da biodiversidade. A actividade desenvólvese unha vez máis en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Durante a súa estancia na illa, os participantes desenvolverán traballos de voluntariado ambiental, entre os que se inclúen o control e retirada de especies alóctonas, a elaboración de sinalética e cartelería, o arranxo de muros e estruturas, o seguimento de fauna, o apoio nas funcións de vixilancia na illa e, como labor principal, a primeira fase dunha restauración dunha calesa e dunha dorna situadas no pazo de Sálvora.