A xerencia da Área Sanitarias realiza pequenas obras de reforma do servizo de Urxencias
En total as obras afectan a unha superficie de preto de 200 metros cadrados e desenvolveranse en tres semanas
A xerencia de área Sanitaria de Santiago iniciou onte unhas pequenas obras de reforma no servizo de Urxencias que permitirán mellorar e incrementar a área de boxes mellorando a comodidade e funcionalidade tanto para doentes, como familiares e profesionais.
Deste xeito reordénase a zona de boxes adecuando espazos ao tempo que mellora e incrementa o número de cubículos o que permitirá a reorganización funcional con espazos definidos para cada nivel de urxencia, en función da gravidade do paciente.
Tamén se realizaron tarefas de reubicación e reforma doutras consultas (oftalmoloxía e xinecoloxía de urxencia) para poder gañar o espazo que se suma á zona de boxes que se verá incrementada en setembro, pasando a ter 22 con dotación completa.
En total as obras afectan a unha superficie de preto de 200 metros cadrados e desenvolveranse en tres semanas. Esta mañá a xerente da área, Eloína Núñez, visitou o servizo cando se estaba procedendo á delimitación da zona de obra para intentar minimizar as molestias que poida ocasionar a reforma.
A xerencia pide comprensión aos doentes e familiares que acudan durante estes días ao servizo de urxencias e lembra que se realizan nesta época, a de menor afluencia, e que redundarán nunha mellor e máis áxil atención nos momentos de maior afluencia de doentes, que adoita ser nos meses de inverno.