Noia acollerá o Torneo Internacional de Xadrez Vila de Noia
O torneo desputarase co sistema de xogo suízo a 9 roldas de 90 minutos e 30 segundos por xogada
A Casa da Xuventude de Noia acollerá, do 26 de agosto ao 2 de setembro, o cuarto Torneo Internacional de Xadrez Vila de Noia. Un evento organizado pola Escola de Xadrez Liceo de Noia (en colaboración co Concello de Noia, a Federación Galega de Xadrez e a Sociedade Liceo de Noia) e para o que a día de hoxe están xa anotados 39 xogadores, entre os que figuran dous Mestres Internacionais e un Mestre FIDE.
Un número que se agarda que medre, pois o prazo de inscrición está aberto ata as 13:00 horas do venres 24 de agosto no mail xadrezbretema@gmail.com . Para participar é preciso ser xogador federado e aboar a cota de inscrición: 25 euros (categoría absoluta), 20 euros (socios do Liceo de Noia) e 25 euros (xogadores sub 18). Quedan exentos os titulados GM, MI, MF que igualen ou superen os 2.350 puntos ELO FIDE e xogadores coa inscrición becada por FEGAXA.
O torneo desputarase co sistema de xogo suízo a 9 roldas de 90 minutos e 30 segundos por xogada. As roldas xogaranse do 25 ao 1 de setembro, ás 17:00 horas, na Casa da Xuventude de Noia. O xoves 30 haberá unha rolda dobre, polo que tamén se xogará en horario de mañá: ás 10:00 horas. O domingo 2 de setembro, as partidas comezarán a xogarse ás 15:00 horas, entregándose os premios ese mesmo día ás 20:00 horas.
O tres primeiros clasificados recibirán 800, 700 e 600 euros de premio. Haberá premios ata o posto número 12 de 500 euros (4º), 400 euros (5º), 300 euros (6º), 200 euros (7º e 8º) e 100 euros (do 9º ao 12º).