"O Goberno de Martiño Noriega desoe os rogos dos veciños e decide manter sen limpar e acondicionar zonas de evidente perigo de lumes"
Para o Grupo Municipal Popular, é unha contradición que as administracións, tanto autonómica como provincial, estean a apercibir aos propietarios a que limpen as fincas privadas e municipios como o de Santiago sigan sen facer nada ao respecto nas parcelas municipais
O Grupo Municipal Popular vén de denunciar “a falta de sentido común que parece protagonizar o Goberno de Martiño Noriega, xa que parece que nada lle importan os rogos dos veciños e decide manter sen limpar e acondicionar zonas de evidente perigo de lumes”.
A un mes de rematar o verán, o Grupo de Compostela Aberta “non está a atender moitas áreas do concello de Santiago que continúan sen desbrozar, polo que parece que decidiu entregarse á política da sorte e pregar para que non se produzan incendios, xa que para a prevención xa non hai tempo”.
“Neste momento, existen na capital de Galicia bastantes zonas, como na avenida Rosalía de Castro ou Avenida de Ferrol, onde existen edificios ou instalacións rodeadas de moitos matogeiras, o que supón un grave risco para veciños e para usuarios de instalacións como o IES Eduardo Pondal. Así mesmo, zonas como San Lázaro, Meixonfrío ou Vidan están a sufrir os mesmos problemas”, afirman.
Para o grupo Municipal Popular é unha contradición que as administracións, tanto autonómica como provincial, estean a apercibir aos propietarios para que limpen as fincas privadas e municipios, como o de Santiago, sigan sen facer nada ao respecto nas parcelas municipais.
“O grupo que dirixe Agustín Hernández insiste en que o Goberno de Compostela Aberta ten que realizar traballos de limpeza e xestión da biomasa vexetal no ámbito da súa competencia, sobre todo, nas proximidades dos núcleos de poboación e nas marxes das estradas e camiños municipais”.