O noveno festival de Salsa na Rúa encherá Ribeira de ritmos latinos
Terá lugar o sábado 25 de agosto
O festival Salsa na Rúa regresa por novena vez a Ribeira o vindeiro sábado 25 de agosto. A cita foi presentada no Centro Cultural Lustres Rivas pola concelleira Herminia Pouso e por Orlando González no nome da Escola El Tomasón e a Asociación Haveira, os cales desgranaron o intenso programa da xornada.
Unha xornada que virá precedida dunha actuación na noite do venres no parque García Bayón ás 21.30 horas. Xa no propio sábado 22, os espectáculos de baile sucederanse no Malecón ás 14, 15 e 19.30 horas para culminar ás 22.30 cun gran show no que se subirán ao escenario aproximadamente 130 bailaríns entre convidados e integrantes da escola de baile local. Máis tarde, de 0.30 a 4.00 horas a festa continuará na rúa Alcalá Galiano.
Nesta edición acudirán artistas chegados de Cuba, Portugal, Brasil ou Angola, ademais de formacións e escolas galegas de cidades como A Coruña, Ourense, Vigo, Pontevedra e do país luso. A zumba, a bachata, a semba, a kizomba ou o zouk serán algúns dos ritmos protagonistas este ano, coa participación estelar de auténticos especialistas como por exemplo Luis e Janet, Diego y Ana ou Ana Rosa. Tamén se impartirán talleres na rúa e na escola.
Tanto Orlando González como Herminia Pouso animaron á veciñanza a que se sumen a esta iniciativa e se deixen levar polos bailes latinos. Ademais, Pouso resaltou que o festival xa é unha cita de referencia en toda a comarca en tanto que González destacou o gran número de colaboradores, entre eles 51 locais hostaleiros do municipio e 3 de Boiro.