O BNG consegue introducir no remanente 480.000€ para varias propostas que lle trasladou a veciñanza
A Corporación Municipal aproba un total de 25 obras
A Corporación Municipal de Ribeira aprobou nun pleno extraordinario celebrado no serán do 16 de agosto, destinar case dous millóns de euros para a redución da débeda e 1,7 millóns para diversas obras, asfaltados e saneamentos. Desta última contía para investimentos, o BNG conseguiu introducir diversas actuacións por importe de 480.000€, algunhas por peticións realizadas por veciñas e veciños.
As actuacións propostas polo BNG e que contaron co apoio da Corporación son: a remodelación das rúas de Lugo e Rosalía de Castro (244.093€), a ampliación do centro social de Corrubedo (129.910€), a dotación de beirarrúas e sumidoiros na Capela en Carreira (39.914€) a instalación de saneamento no cruzamento do Vilar (36.060€) ou o acondicionamento do río Listres (29.800€).
O voceiro do BNG Xosé Antonio Vázquez Cobas, interpelou ao goberno local para comprometelo a facer unha actuación integral no centro social de Corrubedo que permita mellorar a accesibilidade e os problemas da humidade, continuar coas melloras no río Listres se as actuacións que se vaian realizar non dan resultado para evitar o estancamento da auga e tamén a cumprir cos acordos acadados co BNG.
Os nacionalistas detallaron que aínda que hai actuacións que non se incluíron e outras que están financiadas só en parte, congratúlanse de que as súas inciativas vaian contribuir a mellorar a vida da veciñanza de Ribeira e das súas parroquias. Nese sentido, desde o Bloque apuntan a que seguen abertos a escoitar a todas as propostas que lles queira achegar a xente e os colectivos sociais do municipio e continuarán facendo unha oposición seria, rigorosa e en positivo que permita visualizar como unha Ribeira pode ter outro tipo de políticas centradas nas necesidades sociais e feitas desde a participación