miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Éxito de participación na Área de Envellecemento activo da AFundación

Éxito de participación na Área de Envellecemento activo da AFundación
Éxito de participación na Área de Envellecemento activo da AFundación

Máis de 1000 estudantes de 20 centros educativos de toda Galicia participaron xunto a 81 voluntarios e voluntarias no proxecto «Fálame da emigración»

Co obxectivo de ampliar as oportunidades de participación social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional, a Área de Envellecemento Activo de Afundación, a Obra Social de ABANCA, organiza durante todo o ano unha serie de propostas no marco do seu proxecto «O valor da experiencia» a través do que desenvolve accións de voluntariado social, así como programas interxeracionais destinados a superar a fragmentación por grupos de idade da nosa sociedade mediante a interacción entre eles.

«Fálame da emigración» é unha das súas actividades máis características. Trátase dun programa que propicia a celebración de encontros entre maiores voluntarios socios dos Espazos +60 de Afundación e estudantes de centros escolares de toda Galicia para dialogar sobre as súas vivencias na emigración. 

Articúlase a través de dúas sesións ás que precede unha fase de preparación por parte do alumnado e dos maiores. Os primeiros, a partir dunha guía didáctica e material de apoio documental achegados por Afundación, traballan sobre o contexto social e histórico da emigración galega, mentres que os segundos constrúen o relato das súas historias de vida e preparan as sesións nos centros escolares.

Esta proposta supón unha oportunidade para coñecer a historia da man dos seus protagonistas, trasladar os valores de emprendemento, de esforzo, de superación e adaptación que encarnan as historias de vida das persoas maiores voluntarias. A comunidade educativa, pola súa banda, experimenta con novas modalidades de aprendizaxe non formal que permiten espertar a curiosidade e motivación dos estudantes.

Celebráronse tres edicións do proxecto sendo a última, no 2018, a que máis éxito de participación acadou. 81 voluntarios e voluntarias compartiron as súas experiencias con 1019 estudantes de 20 centros educativos de toda Galicia, datos que reflicten a boa acollida deste proxecto que pretende reunir a distintas xeracións e establecer novos foros con estes e outros contidos que favorezan o diálogo, a aprendizaxe mutua e o traballo conxunto, necesario para avanzar cara a unha sociedade onde todos acheguemos en función das nosas habilidades, independentemente da nosa idade, aproveitando, desta maneira, o enorme caudal de experiencia dos maiores. 

Os máis novos aprecian as circunstancias difíciles que tiveron que afrontar os maiores e a súa capacidade de superación; para os maiores esta experiencia permitiulles sentirse escoitados, útiles e recoñecidos e para todos os centros participantes, en consonancia coas valoracións de estudantes e maiores, os beneficios para ambos son moitos, ao romper os estereotipos e comprender o que poden aprender uns doutros.

Pola súa banda, as accións de voluntariado, tamén incluídas no proxecto «O valor da experiencia» da Área de Envellecemento Activo de Afundación, reuniron igualmente a un gran número de participantes, con 592 voluntarios e voluntarias socios dos Espazos +60 da entidade. 

As accións realizadas son moi variadas, desde a posta en marcha de actividades nas que os voluntarios transmiten os seus coñecementos ou habilidades, como talleres de idiomas, coñecemento do patrimonio histórico e natural, artesanía, cociña, aulas de saúde ou música, entre outras, ata a difusión de actividades de membros de asociacións a través de obradoiros, a realización de actividades interxeracionais como clubs de lectura, monicreques ou contacontos e representacións teatrais e musicais en residencias e asociacións a cargo dos grupos culturais dos Espazos +60.

Comentarios
Lo más