Adxudicada a pavimentación con aglomerado asfáltico de cinco viales situados nas parroquias de Artes, Aguiño e Santa Uxía
A actuación foi adxudicada por 44.201 euros a Construcciones Ponciano Nieto, SL
O Concello de Ribeira informou de que onte foi aprobado en xunta de goberno local unha actuación dirixida a pavimentar con aglomerado asfáltico cinco viales situados no municipio: concretamente a rúa Agro de Area, a transversal a Sidreiras e a rúa Cubeliños (as tres na parroquia de Santa Uxía), dun camiño en Castro (Artes) e un camiño en Peteiras (Aguiño).
Actualmente, estas vías atópanse bastante deterioradas, razón pola cal o proxecto elaborado persegue melloralas para que a circulación de vehículos poida realizarse en condicións seguras. Con tal motivo, estenderase unha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente tras o adecuado acondicionamento de cada superficie a pavimentar.
A actuación foi adxudicada por 44.201 euros a Construcciones Ponciano Nieto, SL. O prazo de execución son dous meses.