¿Non sabes qué facer en Rianxo do 16 ao 19 de agosto?
Hoxe xoves, 16 de agosto, ás 22.30 h, na Praza de Padrón desenvolverase a outra sesión do ciclo de Monólogos na Rúa con Diana Sieira e Ángela Triana
O Concello de Rianxo en colaboración da Concellería de Cultura, Xuventude, Educación e Normalización invita a participar nas propostas culturais que se van a desenvolver neste fin de semana.
Hoxe xoves, 16 de agosto, ás 22.30 h, na Praza de Padrón desenvolverase a outra sesión do ciclo de Monólogos na Rúa con Diana Sieira e Ángela Triana ("Niñas de la Risa").
Mañá, venres 17 de agosto, ás 22.00 horas, terá lugar no Paseo Marítimo Rianxeiro (na baixada dende a Carballeira), a inauguración do grupo escultórico Santa Compaña de Nuco Losada Romero. No acto de inauguración ademais do autor das esculturas intervirán Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo e Xesús Santos, escritor e actor.
A Asociación Festival Rock in Rian organiza o vindeiro sábado 18 de agosto, a partir das 12.00 horas, a Festa da Praia en Tanxil. O mesmo día, a Asociación Fogo Fatuo organiza o seu Festival de baile e música tradicional. Este terá lugar ás 21:30 horas na Praza de Rafael Dieste.
Ademais de todas estas propostas, Pablo Sanguinetti ofrecerá un obradoiro de literatura e pensamento literario, "Voces non humanas (na miña voz)", entre a tarde do venres 17 e o domingo 19 de agosto, na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo e na casa de Axóuxere Editora. O escritor e xornalista arxentino ten publicado ensaios e premiados libros de narrativa así como tamén foi director da coñecida revista de pensamento e escrita Silencios.
No obradoiro levará a pensar o fenómeno do literario poñéndoo en relación co inhumano que asolaga a existencia, alén da perspectiva sempre correlacionista (entre o suxeito e o mundo) que impuxo a dóxica romántica. Fará pensar en aconteceres non humanos e nas aperturas que propician eventuais escrituras literarias. Así mesmo, ofrecerá a conferencia "Escritas non humanas: obxectos, máquinas, azar e outros actores", o venres 17 de agosto ás 20 horas na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo.