A Deputación e o concello de Ordes apostan novamente polo festival DesOrdes
Grafiteiros nacionais e internacionais transforman Ordes nun grande museo ao aire libre
O deputado e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a concelleira de Educación e Benestar Social do Concello de Ordes, Susana García, asinaron un convenio de colaboración polo que a Deputación financiará con 19.892 euros o Festival Internacional de Arte na Rúa “Desordes Creativas”.
A Deputación da Coruña aposta un ano máis pola arte urbana e o muralismo ao investir preto de 20.000 euros para financiar a celebración do Festival Desordes Creativas, que como cada verán organiza a Asociación Cultural Cultivarte e o estudio creativo Mutante.
Tras a sinatura do convenio, o deputado da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, subliñou o “crecente interese” que está a espertar este festival pioneiro en Galicia dentro do panorama do muralismo, e puxo en valor o grande “atractivo turístico” que lle engade á vila Ordes as obras de gran formato que “decoran e enchen de arte as fachadas e os balados de Ordes”.
O deputado destacou a capacidade do Festival Desordes Creativas para converter a localidade “nun gran museo ao aire libre” e valorou positivamente como o telento dos artistas e os seus murais “rexeneran e rehabilitan algúns dos espazos da vila”.
O Festival Internacional de Arte Urbana Desordes Creativas pechou o domingo a súa décimo primeira edición, congregando na localidade coruñesa algúns dos artistas nacionais e internacionais, con maior renome dentro do eido do muralismo. Durante unha semana, a veciñanza e as persoas que se achegarón até Ordes, tiveron a posibilidade de gozar das exhibicións dos artistas, os concertos, obradoiros e roteiros guiados que se incluíu a súa programanción.