O Consorcio Empresarial da provincia turca de Balikesir transmite a Jesús Vázquez o seu interese polo sector primario e as enerxías renovables de Ourense
O rexedor ourensán traslada as posibilidades e potencialidades de Ourense aos membros desta entidade, que representan a importantes empresas do sector avícola, da produción de aceite e das renovables
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez reuniuse hoxe co presidente e o Comité Executivo do Consorcio Empresarial da provincia turca de Balikesir, para transmitirlles as posibilidades de colaboración e negocio que ofrece o mercado ourensano ás empresas otomanas. Tras o encontro, os representantes do empresariado mostraron o seu interese por coñecer máis en profundidade o tecido produtivo da nosa provincia.
Vázquez visitou o Consorcio Empresarial de Balikesir, provincia turca de 1,2 millóns de habitantes, en compañía do seu anfitrión nesta viaxe, o alcalde da localidade de Karesi Yücel Yilmaz. Ambos foron recibidos polo presidente do Consello de Intercambio de Mercancías, Faruk Kula, e polos membros da executiva, que representan a importantes empresas do sector primario e das enerxías renovables no país otomano.
Os empresarios transmitiron ao rexedor ourensán as potencialidades das súas compañías en terreos tan diversos como a produción avícola, de ovos, aceite e enerxía limpa e mostraron o seu interese por coñecer máis a fondo as empresas ourensanas que traballan nos mesmos sectores produtivos. A xornada rematou cunha visita a unha das fábricas de procesado avícola máis importantes da rexión turca.
A viaxe de Jesús Vázquez á provincia turca de Balikesir, por invitación de rexedor de Karesi, está a ter un especial acento económico. Durante a súa estadía o alcalde de Ourense visitou a Cámara de Comercio de Balikesir, cuxos responsables confirmaron a súa intención de facer unha misión empresarial a nosa cidade; e as instalacións da Cámara de Industria, que mostrou o seu interese polas posibilidades do mercado ourensano.