Operarios de Properdis, empresa de inserción laboral, fixeron o mantemento da senda do río Artes
Esta acción forma parte dun acordo formalizado o ano pasado entre o Concello e a citada entidade
Operarios de Properdis, Empresa de Inserción Laboral dependente da asociación Amicos, estiveron a acometer a pasada semana traballos de desbroce e mantemento na senda do río Artes, tamén chamado Arlés e Sanchanás.
Esta acción forma parte dun acordo formalizado o ano pasado entre o Concello e a citada entidade que inclúe a realización dun total de catro actuacións de limpeza no curso baixo do río (ao longo dun tramo de 5 quilómetros) e tres no curso superior (2,5 quilómetros), sempre de forma paralela á senda fluvial construída no marco do proxecto Riveira Atlántica.
LAVADOIRO
De igual xeito, cómpre lembrar que a empresa Sonense de Granitos está realizando a rehabilitación do antigo lavadoiro de Artes, o máis longo do municipio con 28 metros, segundo un proxecto do arquitecto Carlos Seoane.
A actuación inclúe a retirada da cuberta de fibrocemento e a súa estrutura de formigón, así como a restauración do enlousado e bancada de pedra orixinais. A acción compleméntase coa recuperación da condición natural do lugar e do río a través da limpeza do seu entorno.