Oroso promociona a súa Festa da Troita en Portugal
Nas xornadas do sábado e o domingo, Mirás preparou xunto a persoal do Concello de Oroso degustacións de troita que serviron para dar a coñecer “o noso manxar dos ríos”
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, está desde o sábado no distrito de Coimbra, en Portugal, para promocionar a Festa da Troita e o patrimonio natural do municipio coruñés.
Nas xornadas do sábado e o domingo, Mirás preparou xunto a persoal do Concello de Oroso degustacións de troita que serviron para dar a coñecer “o noso manxar dos ríos”, en palabras do alcalde.
“Estamos moi satisfeitos pola boa acollida que temos cando vimos a Portugal, Oroso está hoxe en día no mapa turístico e cada ano máis de 30.000 persoas participan na Festa da Troita”, asegura o alcalde.
Ademais da gastronomía e a natureza, Oroso é cada día máis coñecido polo seu papel na revitalización do Camiño Inglés. O grupo de goberno está desde hai anos moi activo en todo o referente ás peregrinacións, ata o extremo de abrir o único centro de mundo adicado ao estudo dese sendeiro medieval: o CEICI (Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés).
Por outra parte, o alcalde participou hoxe, luns 13, en representación do Concello de Oroso no Día do Municipio en Góis, concello luso irmanado con Oroso.
Na súa intervención de hoxe no Día do Municipio, Mirás lembrou que “nesta etapa de revolución tecnolóxica, non podemos olvidar a importancia de que as novas xeracións aproveiten o moito que nos une aos pobos que están preto de nós. En Oroso apostamos polo espíritu colectivo, o noso programa de goberno ten como prioridade a educación e para explicarlles determinados valores aos máis novos, non hai nada mellor desde hace máis dunha década que falarlles do noso irmandamento con Góis”.
“Vivimos tempos complicados, nos que para algúns parece que o prioritario é marcar novas fronteiras, dividir territorios e persoas. O irmandamento con Góis busca todo o contrario, a unión, a colaboración e o intercambio de experiencias baixo as premisas do respecto mutuo e a boa sintonía”, explicou.