Falece un pasaxeiro dun coche nun accidente en Verín
O suceso ocorreu pasadas as 3:30 horas da madrugada na N-532
Unha persoa faleceu esta noite en Verín tras saírse da vía o vehículo no que viaxaba. Ademais, o condutor do turismo tamén resultou ferido e foi trasladado polos servizos sanitarios de urxencia.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia tivo constancia do accidente pasadas as 03:30 horas desta madrugada. Foi a esa hora cando un alertante informaba dunha saída de vía na N-532, á altura de Mourazos. Indicaba que o condutor saíra do interior do vehículo polos seus propios medios pero non vira saír ao outro ocupante, polo que, podían ser precisos os medios de excarceración.
Así, con estes datos, dende o CIAE informouse da situación ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Verín e á Garda Civil de Tráfico.
Nada mais chegar ao punto, os Bombeiros confirmaron que non foi precisa a excarceración, os dous ocupantes, un deles falecido e o outro ferido, estaban fora do turismo.