Paco Reyes lanza un "aviso a navegantes"
Paco Reyes explicou que na avaliación da liquidación de 2017 un dos asuntos a estudar é o grao de cumprimento dos acordos aos que o goberno local chegou co seu grupo para a aprobación do orzamento dese exercicio
Coa liquidación do orzamento municipal de 2017 na man, o voceiro socialista, Paco Reyes, denunciou "o escaso -case nulo- nivel de cumprimento dos acordos aos que Compostela Aberta chegou co PSdeG para facilitar as contas de hai dous anos. Así, de once propostas socialistas incorporadas ao documento económico de 2017, o goberno local só executou a 31 de decembro dúas, e con matices". Entendendo que as reunións para o orzamento de 2019 deben ser, para poder darlles o visto bo en tempo e forma, non máis tarde da primeira semana de setembro, o concelleiro socialista lanzou un "aviso a navegantes" porque "no Partido Socialista, con este nivel de incumprimento, témolo moi complicado para poder chegar a acordos".
Nun encontro cos medios, Paco Reyes explicou que na avaliación da liquidación de 2017 un dos asuntos a estudar é o grao de cumprimento dos acordos aos que o goberno local chegou co seu grupo para a aprobación do orzamento dese exercicio. Pois ben, segundo esa análise, só dúas, e con matices, de once propostas incorporadas ao documento económico municipal foron executadas nese período. O convenio coa USC de saúde bucodental, a eliminación da lista de agarda en atención domiciliaria, a bolsa de axudas a aluguer de vivendas -capítulo que quedou ao 100% sen gastar, como destacou o concelleiro-, a posta en marcha de avais e microcréditos para a promoción de emprego, a senda verde polas antigas vías do ferrocarril, as melloras nos campos de fútbol de Santa Isabel e Conxo, o programa Persoas de centros de día, a reurbanización da rúa Carlos Maside e a mellora do Campus Sur son os proxectos que quedaron no tinteiro en 2017 -ou non se executaron ou se pasaron a exercicios posteriores-, mentres que si se levaron a cabo obradoiros de emprego e investiuse o incremento do IBI no rural -iso si, sen a participación veciñal, que era o acordado co grupo socialista-.
En total, as actuacións desenvolvidas en prazo non superan o 30% do orzamentado nestas once propostas, polo que Paco Reyes preguntouse "de que sirve sentarse e negociar, se logo non se vai cumprir o acordado?". Mentres que, como afirmou o voceiro, o PSdeG "si cumpre, xa que dixemos que se incluían esas propostas nós facilitariamos o orzamento, e así fixemos na votación en pleno coa nosa abstención, Compostela Aberta non, porque non só hai que incorporar as iniciativas, senón executalas".
En base a isto, o concelleiro socialista lanzou un "aviso a navegantes" porque "agora temos que abordar o orzamento de 2019". "Para iso, entendemos que haberá que reunirse a primeira semana de setembro se non queren chegar tarde, como todos os anos", dixo Reyes, que advertiu de que "con estas cifras de incumprimento, teño que dicir que no PSdeG témolo moi dificil para poder chegar a un acordo nunha negoaciación".
O baixísimo nivel executor nos investimentos supón, a xuízo do edil, unha "falla de compromiso coa cidade, coa súa veciñanza e, neste caso, cun grupo ao que o propio alcalde definiu nas negociacións como preferente". "Non quero pensar o que acontecería se non o fósemos", engadiu.
Finalmente, valorou Reyes o feito de que haxa algunha destas propostas mesmo de 2016 que se están a desenvolver neste ano. "Compostela Aberta está facendo no 18 algúns dos deberes que tiña que ter realizados tres anos antes. Non coñezo a ningún alumno que se lle aplauda por facer deberes pendentes anos despois", manifestou.