Reclaman axilizar a apertura da cafetería da Granxa do Xesto
"Os aseos públicos permanecen pechados pola parálise do Goberno municipal de Compostela Aberta"
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Santiago reclama que se inicien de urxencia os trámites para a licitación da cafetaría da Granxa do Xesto co fín de que se poida abrir o antes posíbel. Lembra que é preciso tamén habilitar os aseos públicos nunha zona de lecer público natural que está a ser infrautilizada pola falta de servizos.
O grupo municipal do BNG lamenta o progresivo abandono por parte do goberno municipal dos servizos públicos do parque da Granxa do Xesto e o progresivo deterioro das instalacións da cafetería, que permanece pechada desde o 16 de outubro de 2016 e urxe a que se axilice a tramitación para a súa reapertura.
"A Granxa do Xesto é un dos parques máis emblemáticos da cidade visitado pola veciñanza, deportistas e incluso turistas e especialmente recomendado para nenas e nenas pola súa riqueza natural mais é preciso que o goberno municipal se active para que un dos pulmóns da cidade conte cos servizos públicos necesarios para o seu uso", sinalou a portavoz do grupo municipal, Goretti Sanmartín Rei.
A cafetaría da Granxa do Xesto pechou as súas portas o 16 de outubro de 2016 despois de 12 anos ofrecendo o servizo de bar e de aseos, dos que desde entón carece esta zona de lecer visitada, sobre todo, por familias con crianzas de Compostela para camiñar polos máis de 80.000 m de zona verde no que se atopa tamén un parque infantil. "A finais de de 2017 o concello convocou un concurso para licitación da cafetaría que quedou deserto porque as condicións propostas polo grupo de goberno eran abusivas” explicou a portavoz Goretti Sanmartín.
O BNG xa presentou diversas iniciativas en anos anteriores para impulsar o proceso de redacción dos pregos de condicións da concesión da cafetaría da Granxa do Xesto e volve agora insistir en que se licite de inmediato o concurso para que estea operativa o máis axiña posíble.
A páxina oficial de Turismo de Santiago recolle que o parque conta con WC e cafetaría e promociónase o privilexiado espazo verde por contar con "3 km de paseos, parque infantil, diversos elementos deportivos e unha tranquila cafetería con vistas sobre a cidade" polo que "xa é hora de que o portal de promoción do Concello responda á realidade e conte de novo con eses servizos".