Comeza en setembro o período de exposición pública do proxecto da planta de residuos da Casalonga
Ante a preocupación amosada pola plataforma polos prazos para presentar o informe de compatibilidade urbanística o concello sinala o mes de setembro
O concello de Teo convocou á plataforma o 6 de agosto a unha reunión para comunicarlle o contido do encontro que mantiveron coa Xunta o 2 de agosto. Nela confirma que será en setembro cando ésta inicie o período de exposición pública do proxecto da planta de residuos da Casalonga. Ante a preocupación amosada pola plataforma polos prazos para presentar o informe de compatibilidade urbanística o concello sinala o mes de setembro.
Se o informe de compatibilidade urbanística do concello é negativo a Xunta dí que se pechará o procedemento deste proxecto en concreto pero aquí, por moito que pese a toda a cidadanía afectada, non vai a acabar o noso pesadelo.
A plataforma, tras asesorarse con especialistas e reunirse con outras plataformas afectadas por problemas similares, sabe que unha empresa deste calado non vai a abandonar a partida tan facilmente e vai a abrir outras vías de acción ata conseguir o seu obxectivo.
¿Que camiños pode tomar a empresa?
Por unha parte, pode levar a xuízo ao concello para intentar invalidar o informe de compatibilidade urbanística, o cal de conseguirse, deixa só en mans da Xunta a aprobación do proxecto. Podería tamén presentar outro proxecto dunha planta similar (un vertedoiro, unha empresa de tecnosolos,...) na que logo irá engadindo modificacións “non substanciais” ao proxecto, convertendo a planta inicial noutra mil veces máis contaminante e destructiva como acontece en Miramontes, Touro, As Somozas ou Ordes. Como terceira opción, mesturar as dúas opcións á vez.
¿Que papel tería a plataforma en cada caso?
No primeiro caso onde a vía xudicial fora o camiño a plataforma valorará personarse no xuízo para defender os intereses da veciñanza.
No segundo caso, a empresa podería presentar outro proxecto, adaptandoo para superar o informe urbanístico do concello. Pode tramitalo directamente na Xunta e se ésta non o fai público antes, a veciñanza e o concello terían coñecemento no momento de abrir o período de exposición pública do mesmo, dispoñendo tan só de 30 días para analizar o novo proxecto, buscar asesoramento, presentar alegacións e realizar o informe de compatibilidade urbanística. Deixando pouca marxe de manobra para opoñerse.
A plataforma estima que a empresa optará polas dúas vías.
O PP de Galicia, a raíz da insistencia dos membros da plataforma, comprometeuse de xeito verbal coa plataforma a traballar a partir de setembro nos cambios lexislativos necesarios para que esta planta e outras similares non se podan instalar en lugares como A Casalonga. Os manifestos institucionais dos concellos de Santiago, Ames, Brións, Padrón, Teo e Rois así como o da diputación da Coruña asinados por tódolos partidos políticos, certifican este compromiso. Si esto é así e o parlamento traballa con dilixencia, deberan estar aprobados estes cambios en outono. Isto impediría a instalación deste tipo de actividades en Casalonga ou en calquera outra das máis de 70 canteiras abandonadas na provincia da Coruña con núcleos poboacionais cercanos.
Tras esta análise a plataforma entende que non se rematará o seu traballo ata que se modifique a lexislación, pois só este cambio lexislativo nos permitirá dar por rematada a partida, para que nin esta nin outra planta similar poda instalarse en ningunha das máis de 70 canteiras ofertadas en concurso público próximas a núcleos de poboación na provincia de A Coruña.
Cando o dereito a non ser envelenados prevaleza sobre os beneficios económicos das empresas a plataforma dará por rematada a súa actividade, mentres tanto a plataforma seguirá facendo o seguinte:
- Asesorándose con especialistas en diferentes sectores.
- Coordinándose con outras plataformas con características similares. A finais de setembro organizarase un acto conxunto no concello de Teo.
- Recollendo información: o día 5 de setembro a plataforma terá acceso á vista do expediente do proxecto e foi solicitado o personamento no expediente da dirección xeral de minas.
- Dando charlas informativas nos concellos afectados.
- Facendo máis visible a unión da cidadanía: recollendo sinaturas, asociándonos, vendendo camisetas...e volvéndonos a xuntar toda a xente que poidamos no festival de música organizado pola plataforma o 7 de setembro no Monte Carmelo.
A plataforma ten claro que só unha mobilización cidadá contundente conseguirá gañar a partida.