miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Dúas mozas europeas participarán no programa de voluntariado do Concello de Lousame durante nove meses

Dúas mozas europeas participarán no programa de voluntariado do Concello de Lousame durante nove meses
Dúas mozas europeas participarán no programa de voluntariado do Concello de Lousame durante nove meses

A ucraína Oskana Kalinichenko e a rusa Iuliia Bautdinova participarán en diversas actividades promovidas pola administración local

A concelleira de Xuventude lousamiá, María Regenjo, presidiu hoxe, xunto co técnico de Xuventude, José Manuel Outeiral, a recepción e presentación oficial das dúas mozas europeas que participarán durante os próximos nove meses no programa de voluntariado do Concello de Lousame. “Tras a boa experiencia anterior, este ano decidimos continuar con este proxecto de voluntariado europeo, aumentando o número de meses de estancia, pasando de seis a nove. Agardamos que durante este período de tempo, as dúas voluntarias teñan a oportunidade de aprender moito e de quedar cun excelente recordo do noso municipio”, explicou a concelleira.

Tanto Oskana Kalinichenko, de 22 anos e nacionalidade ucraína, como Iuliia Bautdinova, da mesma idade e procedente de Rusia, chegaron o pasado 23 de xullo á Lousame para participaren no proxecto Voluntariado no rural: participación e promoción. Así, ata o próximo 23 de abril, ambas as dúas colaborarán en diversas accións promovidas polo Concello de Lousame. Entre elas, atópanse, tal e como indicou María Regenjo, “actividades de voluntariado de tipo cultural –teatro, sesións de contacontos...-, colaboración co departamento de Servizos Sociais –no centro de día ou no Punto de Atención á Infancia-, ou a organización da próxima carreira popular”.

A concelleira de Xuventude lembrou que “Lousame está inscrito como Concello de envío e recepción de voluntarios europeos, polo que aqueles mozos e mozas que queiran vivir esta experiencia poden contactar connosco para participar neste tipo de programas”. Neste senso, animou á mocidade lousamiá a sumarse a este tipo de iniciativas que promoven a mobilidade dos mozos a mozas europeos.

O proxecto Voluntariado no rural: participación e promoción é posible grazas á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a quen a edil lousamiá agradeceu o seu apoio. As organizacións de envío das dúas voluntarias son Kharkiv non governmental association for active youth Stella, no caso da ucraína, e SFERA Movement, no da rusa.

Comentarios
Lo más