"O centro BTT da Susana abre con máis dun mes de retraso e non contará con bicicletas ata setembro"
O Grupo Municipal Popular considera inaceptable que este centro estivera máis de catro meses pechado, concretamente nunha época de mellores condicións para o seu desfrute
O Centro de Bicicletas Todo Terreo (BTT) da Susana vén de abrir as súas instalacións "despois de catro meses pechado e un mes máis tarde do programado, deixando pasar a maior parte do verán. Este centro levaba pechado desde marzo deste mesmo ano, co que só estivo aberto 6 meses desde o remate das obras".
"O centro non contará co servizo de alugueiro de bicicletas, xa que non dispón de ningún vehículo, circunstancia esta que se ven a sumar ao feito de que, desde o seu comezo, só dispuxo de bicicletas de paseo non adaptadas aos itinerarios deseñados e propostos desde o propio centro", afirman os populares.
Para o Grupo Municipal Popular, "a falta de xestión do grupo de Goberno de Martiño Noriega queda patente no funcionamento de algo tan sinxelo como a posta en marcha dun centro de alugueiro de bicicletas".
"Cabe sinalar que tras un longo proceso, iniciado en 2014 e que supuxo a rehabilitación da Escola Unitaria para a súa posta en valor como centro vinculado fundamentalmente ao turismo e ao deporte, o Goberno de Martiño Noriega deu a coñecer, en marzo de 2017, as instalacións do novo BTT na Susana, anunciando o inicio da súa actividade para o mes de maio daquel ano".
"Sen embargo, houbo que esperar ata o mes de setembro para que abrisen ao público estas instalacións, promovendo os servizos alí ofrecidos a través dunha páxina web en internet e da publicación de trípticos de distribución pública", afirman.