DesOrdes Creativas chega á súa décima edición
O festival de arte na rúa pioneiro en Galicia arranca hoxe e nel participarán artistas galegos, do territorio nacional, ademais de italianos e colombianos
Arrancou a que xa é a décima edición do festival internacional DesOrdes Creativas. A cita manterase ata o vindeiro 13 de agosto na vila de Ordes, que volverá acoller a artistas referentes na arte urbana e no muralismo.
As fachadas dos edificios e outros espazos públicos servirán de lenzos para a realización dos murais que pasarán a formar parte da paisaxe da vila, sumándose aos arredor de 50 que xa a compoñen. Os artistas invitados para esta ocasión son: Spy, Javier Abarca (Madrid), Erica il Cane (Italia), Xoana Almar, Sekone (Galicia), Carlos Goma, Nömada (Almería), Bastardilla (Colombia) e Saturno (Cataluña). Ademais das súas obras o cartel inclúe outro tipo de actividades como obradoiros, master class, exhibicións, seminarios e rutas polos distintos murais, máis de 50 en total, dos que figuran no rueiro ordense.
DesOrdes Creativas, idea orixinal do Creativo Mutante, está organizado polo Concello de Ordes e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Museo aberto
Dende que comezara a súa andaina no ano 2007 polo DesOrdes Creativas levan pasado preto de medio cento de artistas de distintos lugares do mundo, nalgúns casos auténticas figuras con premios de recoñecido prestixio a nivel internacional. O Festival actúa como unha eficaz ferramenta de rexeneración urbana e diálogo social, que converte vellos espazos en desuso ou abandonados en novos lugares cheos de vida e cor para o desfrute colectivo. O fin último é transformar o lugar nun gran museo público e gratuíto a ceo aberto.
Festival musical
Por outra banda, o 12 de agosto terá lugar a sexta edición do festival musical DesOrdes Sonoras. Unha cita que este ano reúne nunha mesma xornada a actuación dos seguintes grupos: Los Bengala, Igmig, Xenderal, Santiuve Da Xoo Bros e Bigote Mix.
O escenario escollido para que todas as persoas que queiran poidan asistir de balde a partir das 22 horas será o parque da Constitución. Ademais tamén haberá unha sesión vermú no mesmo lugar a partir das 13 horas, na que actuará Sabela King & The Heartbreakers e na que se fará unha exhibición de pintura en directo.
Ambos os festivais están organizados polo Concello de Ordes e contan coa colaboración da Deputación da Coruña.