O concello de Ribeira mellorará a accesibilidade ata o faro de Corrubedo
O orzamento total do proxecto ascende a 82.312 euros
O Concello de Ribeira veu confirmada a concesión dunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia que permitirá mellorar a accesibilidade ao faro de Corrubedo, dando resposta a unha demanda dos veciños desta parroquia.
Concretamente, actuarase na marxe dereita da estrada (a máis cercana ao mar) dende Porto Alto ata o faro. A tal efecto, os servizos municipais elaboraron un proxecto para ensanchar a beirarrúa existente dos 1,50 actuais ata 2,50 metros, ademais de substituír o pavimento actual, bastante deteriorado e invadido pola maleza, por un novo pavimento de formigón pulido.
Lonxitude de 1.046 metros
A lonxitude afectada é de 1.046 metros e o prazo de execución son tres meses.
O orzamento total do proxecto ascende a 82.312 euros. A subvención concedida é do 65% do importe da adxudicación unha vez se licita a actuación ata un máximo de 45.000 euros.
A achega adscríbese á orde de 4 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.