O Monte do Gozo busca unha nova empresa para a súa explotación
A explotación do complexo inclúe o aloxamento, con preto de 250 habitacións; sete tendas, restaurante e cafetería así como zonas verdes e urbanización. A concesión pasará de 10 a 15 anos, prorrogable por cinco anos máis
O Consello da Xunta autorizou hoxe a contratación da concesión do servizo para a explotación do complexo de aloxamento do Parque Monte do Gozo con notables melloras nas súas condicións, que o fan máis atractivo aos anteriores procesos que quedaron desertos. Reformuláronse agora os pregos, tras ter feito, ademais, un esforzo de revitalización na súa contorna cunha serie de accións directas por parte de Turismo de Galicia que afondaron na adecuación da imaxe e dinamización do complexo para atraer visitantes e veciños e convertelo nun lugar idóneo para lecer e para pernoitar.
A nova contratación do servizo para a explotación do complexo de aloxamento do Parque Monte do Gozo suprime do ámbito da concesión as piscinas polo que inclúe nesta ocasión o aloxamento cunha capacidade estimada de 620 prazas de aloxamento distribuídas en pavillóns que contan con 248 habitacións das que 196 son dormitorios con aseo propio de 17,74 m2 de superficie e 52 son cuartos sen aseo propio cunha superficie de 18,01 m2. Engádese como mellora, a posibilidade de incluír seis pavillónsa maiores. A concesión tamén inclúe sete tendas nas que se prevé a xestión directa polo concesionario ou aluguer; restaurante e cafetería, así como zonas verdes e urbanización.
Revisáronse de xeito máis profundo as obras necesarias para a posta en funcionamento do complexo, coa conclusión de que para garantir a viabilidade é indispensable acometer non só a posta a punto das edificacións e urbanización, senón incluír tamén as instalacións. Por iso e dado que o investimento repercutirá na mellora dunha propiedade pública, inclúese agora unha achega económica ao concesionario.
A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo comprométese a contribuír ao financiamento dos gastos derivados da devandita contratación, polo total de dous millóns de euros en dous anos.
O prazo da concesión será de 15 anos (fronte aos 10 dos anteriores procesos de contratación), con posibilidade de ser prorrogado por cinco anos máis previo acordo expreso do órgano de contratación. O modelo de negocio será decisión do concesionario.
Esta concesión réxese pola Directiva Europea de Concesións, en base a cal débese calcular o valor de negocio da concesión estimando os ingresos que a concesionaria percibirá durante o tempo que dure o contrato. Neste caso, a estimación dos ingresos por ano nos servizos de aloxamento, restaurante, cafetería e tendas, entre outros, é de 73,5 millóns de euros (fronte aos 41 millóns do anterior expediente de contratación).
Cómpre subliñar que esta cantidade non deberá ser abonada nin pola concesionaria nin pola Xunta de Galicia pois, como se indica, é só unha estimación do valor de negocio solicitada pola normativa europea na que se ampara esta concesión.
A concesionaria si aboará, non obstante, un canon anual de 70.000€, cunha carencia de dous anos. Comezará a aboalo a partir do segundo ano e ata a final da concesión. Realizará, ademais, uns traballos cun valor de investimento de máis de dous millóns de euros, que comprende a obra e o equipamento.
A nova contratación do servizo para a explotación do complexo de aloxamento do Parque Monte do Gozo permite avanzar no Plan de Actuación do Parque Monte do Gozo, un espazo simbólico ao final do Camiño de Santiago onde a Xunta leva investidos máis de dous millóns de euros. Esta é unha das actuacións incluídas no Plan director do Camiño de Santiago que desde 2015 vén desenvolvendo importantes melloras na ruta xacobea coa vista posta no Xacobeo 2021.
Culmináronse as intervencións paisaxísticas coa plantación de especies autóctonas, mobiliario, sinalización, adecuación de sendeiros, espazos de picnic e lecer, circuíto de running, disc-golf ou o centro de recepción de peregrinos a cabalo. O acondicionamento do Parque Monte do Gozo recuperou os usos de distintas zonas como o recinto de festivais, que acolleu con éxito a 84.000 persoas nas tres xornadas de O Son do Camiño, a confirmación definitiva da súa recuperación. Tamén se puxeronen marcha as piscinas que constan de tres áreas de baño integradas coa lagoa do Parque Monte do Gozo e ás que os usuarios poden acceder de balde.
No que se refire á fase de contratación do servizo de aloxamento, a Xunta de Galicia iniciara o ano pasado ano este proceso coa intención de poñer en funcionamento o complexo de aloxamento mediante concesión como explotación hoteleira. Tras quedar deserto, analizáronse as circunstancias que motivaron esta situación. Fixéronse exhaustivas análises das condicións económicas da concesión e para determinar os puntos débiles das condicións da concesión para atopar o equilibro entre o interese público –que fai imposible reducir os custos fixos do mantemento e ratios de persoal necesarios para atender o complexo de forma eficaz e eficiente- e o lexítimo interese das empresas de obter rápidos e prontos beneficios.