Álex Millet tocará como teloneiro da banda tributo a Amy Winehouse
A actuación terá luagr este venres ás 00:30 horas en Bandourrío
Co 24,6% dos votos emitidos, o cantante de Aguiño Álex Millet resultou vencedor do Primeiro Concurso de Artistas e Bandas de Ribeira, o que lle permitirá actuar como teloneiro á Banda Tributo a Amy Winehouse durante as Festas de Verán: unha actuación que terá lugar este venres ás 00.30 horas en Bandourrío.
Así o deu a coñecer esta mañá a concelleira de Cultura, Herminia Pouso, nun acto no que tamén estivo presente o propio Álex Millet, que recibirá ademais 550 euros de premio.
O segundo e terceiro postos (con premios de 300 e 150 euros e un concerto o xoves 2 ás doce da medianoite en Bandourrío) foron para Sweet Lemon Days (21,9%) e Xeva (18,7%). Agora ben, este último renunciou por cuestións persoais, co cal o seu posto será ocupado pola formación que quedou en cuarto lugar: Cromer (14,3%).
2.137 votos
En total foron 2.137 persoas as que cos seus votos telemáticos decidiron a clasificación entre os 7 candidatos entre o 1 ao 28 de xullo logo dunha primeira criba entre unha vintena de aspirantes.
O concurso estivo organizado polo Concello e Musieventos.