O grupo socialista solicita ao goberno local o acceso ao expediente de Ferrovial
Paco Reyes fixo referencia á situación que se está a producir en varios dos centros socioculturais, e que foi obxecto de queixas veciñais
O grupo socialista ten solicitado ao goberno local o acceso ao expediente de Ferrovial, a empresa que, despois de gañar o concurso, se encarga da xestión dos centros socioculturais municipais. O voceiro, Paco Reyes, explicou en rolda de prensa que esta petición prodúcese unha vez que chegaron ao grupo numerosas queixas sobre supostos incumprimentos do contrato con respecto aos traballadores e á prestación do servizo, ademais de ter constancia da presentación, por parte do comité, dun escrito a Compostela Aberta o pasado 11 de xullo dando conta de diversos problemas con dita empresa.
As queixas que teñen chegado ao grupo municipal socialista son moitas, pero o concelleiro Paco Reyes destacou algunhas no encontro dos medios desta mañá. Así, denunciou que o persoal non subrogado por Ferrovial ascende a un tercio do total -afectou a sete persoas-, malia formar parte do listado que asumiu a empresa cando se levou a cabo a súa contratación. Un dos casos é o do bibliotecario que se facía cargo da xestión da biblioteca José Saramago, que se ubica en Vite e coordina todos os fondos que están descentralizados polos centros municipais. A este respecto, Reyes, que lembrou que esta praza ten que ser por lei desenvolvida por unha persoa con titulación específica de Biblioteconomía, preguntou por como se está prestando agora, ademais de subliñar que mentres que o Concello abriu un expediente á empresa que xestiona as instalacións deportivas polo despedimento de tres persoas, neste caso non se ten constancia de actuación ningunha, malia estar falando dun tercio do persoal.
Tamén dixo que se produciu, segundo as informacións ás que tivo acceso, unha mudanza do complemento que teñen que percibir os empregados de Ferrovial, polo que o socialista quere saber se dito cambio estaba previsto, ou non, nos pregos.
A falta de substitución de traballadores en ausencias e baixas ou o non aboamento das vacacións non disfrutadas polos empregados fixos son outras das reclamacións das que ten constancia o grupo socialista.
Finalmente, Paco Reyes fixo referencia á situación que se está a producir en varios dos centros socioculturais, e que foi obxecto de queixas veciñais. Neste sentido, explicou que algún centro unicamente abre a media xornada, con persoal contratado a media xornada, pero cun servizo que debe ser a tempo completo, polo que habería unha parte de beneficio que está a recibir a empresa sen que repercuta nin nos traballadores nin na xestión e funcionamento do local.
Por todas estas razóns, os socialistas quere ter acceso ao expediente de Ferrovial para coñecer o alcance destas queixas e, no seu caso, reclamar as responsabilidades que correspondan.