miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O CPEIG e AMTEGA organizan esta semana nas Aulas CeMIT de Brión unhas xornadas para fomentar o talento dixital da mocidade galega

O CPEIG e AMTEGA organizan esta semana nas Aulas CeMIT de Brión unhas xornadas para fomentar o talento dixital da mocidade galega
O CPEIG e AMTEGA organizan esta semana nas Aulas CeMIT de Brión unhas xornadas para fomentar o talento dixital da mocidade galega

Esta vindeira semana celebrarase unha xornada sobre os “Retos de programación e robótica” nas Aulas CeMIT do concello de Brión (martes-31)

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan nestes meses de verán –finais de xullo, agosto e setembro– unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos enmarcadas no programa “Tech Kids”, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega.

Esta vindeira semana celebrarase unha xornada sobre os “Retos de programación e robótica” nas Aulas CeMIT dos concello de Beariz (luns-30) e Brión (martes-31). Nas xornadas de retos de programación e robótica (Stem Scape Room), os desafíos para os participantes xirarán ao redor da iniciación á programación con escornabot, printbot ou programación de videoxogos con makey makey.

O reto da programación con escornabot consistirá en percorrer un circuíto con obstáculos levando dun punto a outro o robot. Os rapaces terán que programar o escornabot para que evite as dificultades e consiga chegar á meta dunha soa peza. A finalidade deste taller é iniciar aos nenos e nenas nos primeiros conceptos da programación, análise, resolución e ordenación.

O reto da programación con printbot consistirá en programar un código que se executará no robot, que terá unha electrónica capaz de seguir unha liña negra sobre un fondo branco. Os máis pequenos aprenderán a programar cunha linguaxe visual o código preciso para que o robot sexa capaz de seguir a liña.

E no reto da programación de videoxogos con makey makey, os cativos usarán esta ferramenta para achegarse á electrónica creando un proxecto no que se simulará o xogo de mesa de operación. Utilizando como linguaxe de programación o scratch, os participantes programarán o seu propio videoxogo de operación.

Organizaranse máis de 30 xornadas nas Aulas CeMIT en diversos concellos das catro provincias galegas (Fisterra, Arzúa, Bande, Carballedo, Beariz, Brión, Boiro, Ortigueira, Leiro, Guitiriz, Tomiño, Padrón, Xunqueira de Ambía, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Santa Comba, Coruña, Cuntis, San Sadurniño, Cerceda, Abegondo, Valga, Celanova, Pontedeume, Ribadeo, Pontevedra, Vimianzo –outros pendentes de confirmación). Os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade.

O tesoureiro do CPEIG e responsable do programa “Tech Kids”, Francisco Rodríguez, sinala que tanto o Colexio profesional como Amtega teñen como obxectivo fomentar o “talento dixital” das nenas e nenos de toda Galicia. De feito, indica que moitos dos empregos actuais desaparecerán –sobre un 43% dos postos de traballo actuais– e haberá novos traballos con competencias no ámbito dixital. En concreto, explica que estes talleres pretenden mellorar a conciencia entre a xente nova de que a aplicación de computación e codificación para os problemas sociais reais pode axudar a cambiar o mundo.

O representante do CPEIG apunta que nestas sesións celebraranse competicións nos distintos ámbitos do programa “Tech Kids”: programación, robótica, manexo de drons, creación de personaxes para videoxogos..., de xeito que se ofreza aos mozos e mozas unha oportunidade para achegarse de forma lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñaría en informática. “A mocidade deberá superar distintos retos e desafíos, aprendendo e poñendo en práctica o seu talento dixital e amosando a súa capacidade de resolución de problemas, ao tempo que desenvolverá competencias persoais como a creatividade e o interese pola ciencia e tecnoloxía” –destaca–.

Tamén se fará fincapé no fomento do talento dixital feminino, para que as nenas e rapazas vexan a computación e a enxeñería como algo propio delas e consideren a profesión de enxeñaría en informática como un traballo que as axudará a acadar os seus soños e ambicións.

Comentarios
Lo más