Primeiros pasos do Concello de Ames para a construcción dun novo CEIP no Milladoiro
A superficie afectada polo Plan Especial, para a dotación de infraestruturas escolares, é de 20.000 metros cadrados, repartidos en 13 parcelas
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar inicialmente, este pasado xoves 26 de xullo, o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para poder executar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro. Anteriormente a dita aprobación, os membros do goberno municipal tiveron varias xuntanzas cos/as propietarios/as localizados no catastro para informar das valoracións e do procedemento de expropiación dos terreos. Estas parcelas poranse a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia, para a construción dun novo colexio público de infantil e primaria no Milladoiro. A superficie afectada polo Plan Especial, para a dotación de infraestruturas escolares, é de 20.000 metros cadrados, repartidos en 13 parcelas.
O obxectivo é poder poñer en disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia, ditas parcelas para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro. Por primeira vez, o Concello de Ames destina unha partida específica no Orzamento municipal para afrontar o procedemento de expropiación, como única posibilidade para axilizar a dispoñibilidade pública dos terreos.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explicou “estanse a dar os avances necesarios para que a dispoñibilidade pública das parcelas poida ser unha realidade neste ano 2018, ao existir iniciativa política e orzamento para facelo. A adquisición de solo para equipamentos educativos é unha necesidade urxente para o Milladoiro e unha prioridade para o goberno municipal”.