Sábado intenso para desfrutar do último fin de semana do Apóstolo 2018
A axenda musical da fin de semana comeza ben cedo no sábado, cunha sesión vermú na praza de Cervantes a cargo de Los Duques de Monterrey
A que está a piques de comezar vai ser unha intensa fin de semana en Compostela, cunha chea de actividades na programación do Apóstolo. As Xornadas de Folclore e a Real Filharmonía de Galicia, o sábado, e o agardado concerto de Rubén Baldes, o domingo, son os pratos fortes da axenda dos vindeiros días, que tamén inclúe unha cita para os nenos e as nenas: a Feira na Eira! de Galeras.
A axenda musical da fin de semana comeza ben cedo no sábado, cunha sesión vermú na praza de Cervantes a cargo de Los Duques de Monterrey. Será ás 13:00 horas. Xa ás 20:00 horas, na praza do Obradoiro, teremos unha nova oportunidade para escoitar á Real Filharmonía de Galicia nas festas do Apóstolo, dirixida por Paul Daniel. O repertorio do concerto inclúe obras de Chaikovski e de J. Strauss.
Hoxe tamén se celebrarán as tradicionais Xornadas de Folclore, que cumpren 50 anos. Ao escenario da praza da Quintana subirán, a partir das 22:00 horas, as agrupacións de baile e música tradicional de Santiago Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar e Ultreia. Unha hora máis tarde, a partir das 23:00 horas, na praza do Toural teremos un novo concerto do ciclo Compostela É! Música, desta vez con Blanco Palamera, formado por Xoán Domínguez, Manu Blanco e Pamper.
Os nenos e nenas tamén terán o seu espazo protagonista na programación, grazas á Feira na Eira! que se celebrará no parque de Galeras nas tardes do sábado e do domingo.
A feira contará con zonas diferenciadas para actividades e obradoiros. Así, haberá unha "Zona de terra" destinada a xogos en familia e a xogos xigantes; unha "Zona de auga", na que haberá un gran tobogán de auga e unha área de chuvia con aspersores; e unha "Zona de aire", cunha pista de obstáculos inchable". Tamén está prevista unha "Zona de palla", na que os nenos e nenas poderán participar nun obradoiro para aprender a facer un palleiro; e unha "Zona de sombra", cun obradoiro para que os pequenos e pequenas fagan os seus propios sombreiros.
A Feira na Eira! complétase coa "Zona de escenario", pola que no sábado e no domingo irán pasando diferentes artistas. No sábado, actuarán o mago Luigi Ludus, a contacontos Vero Rilo e A Gramola Gominola, antes de rematar a xornada cun DJ. O domingo están previstas as actuacións de Crashh_DuoCircus, Pakolas e Uxía Lambona e a Banda Molona.