A Biblioteca de Galicia acolle dende onte unha exposición da arte galega cunha selección de autógrafos do século XX
Os autógrafos acompáñanse de obras artísticas dalgúns dos autores, xunto con publicacións e gravados da Biblioteca de Galicia
A Biblioteca de Galicia achégase á arte galega do século XX cunha selección de autógrafos da colección ABANCA. Faino a través da exposición temporal As escrituras dos artistas. Autógrafos de pintores galegos na colección ABANCA, que se exhibe desde hoxe e ata o vindeiro 27 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia.
Entre os artistas que centran a exposición atópanse o polifacético Castelao, Fernando Álvarez de Sotomayor, Manuel Abelenda, Francisco Lloréns, Germán Taibo, Carlos Sobrino Buhigas, María del Carmen e Ánxel Corredoyra, Seijo Rubio, os gravadores Castro Gil e Prieto Nespereira, o xilógrafo Enrique Mayer, o ilustrador e pintor Sesto López ou o debuxante e tamén ilustrador e publicista Federico Ribas.
Xunto aos 21 autógrafos dos 18 artistas arredor dos que xira a mostra, pódense ver algunhas obras da colección artística que posúe ABANCA sobre estes autores. É o caso de dous debuxos e tres óleos de Manuel Abelenda; dun busto do músico Manuel Quiroga, da autoría de Asorey, de dúas acuarelas de Sobrino Buhigas, e catro debuxos de Castelao.
Deste xeito, a nova exposición temporal da Biblioteca de Galicia dialoga coa mosta Galicia universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación, que se pode ver actualmente no Museo Centro Gaiás.
VISITA GUIADA
Os autógrafos compleméntanse con publicacións e gravados procedentes dos fondos da Biblioteca de Galicia, o que suman máis de 100 pezas polas que se realizará unha visita guiada esta tarde, ás 18:00 horas, a cargo do comisario, Daniel Buján, no marco do acto de inauguración da exposición, no que participarán o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e o xerente de Responsabilidade Social Corporativa ABANCA, Fernando Filgueiras.