Rubén Cela: “Deixar un superávit de 8,5 millóns de euros e un remanente de 7,8 millóns de euros son cifras escandalosas”
Aludiu ao “debate ideolóxico de fondo” que supón o continuísmo da política financeira de Conde Roa para amortizar débeda e pagamento de facturas
O concelleiro do BNG Rubén Cela afirmou que o Goberno de Compostela Aberta non levou ao Pleno urxente e extraordinario a proposta de investimento de remanentes de tesourería, como estaba previsto, senón outra proposta “para amortizar débeda de xeito anticipado e para pagamento de facturas”, ademais de destacar “o debate ideolóxico de fondo que supón o continuísmo da política financeira que impulsou Conde Roa que usaba os mesmos argumentos que agora Compostela Aberta”.
Segundo explicou Rubén Cela, o equipo de Martiño Noriega “non é capaz de executar o que orza, porque existe unha distancia moi grande entre o que promete e o que fai”, como queda patente nos datos da liquidación cunha execución do 21,9% do investimento previsto; ademais de deixar “unhas cifras escandalosas” cun superávit de 8,5 millóns de euros e un remanente de tesourería de 7,8 millóns de euros.
“Igual que facía Conde Roa, intentan vendernos esas cifras como un exemplo de boa xestión financeira e boa saúde económica do Concello cando, en realidade, son a mellor imaxe gráfica da incapacidade de xestión”, explicou na súa intervención.
Sobre o feito de amortizar anticipadamente os créditos co diñeiro que non deron gastado, pese a que había necesidades importantes e urxentes en Santiago de Compostela, fixo referencia á lóxica neoliberal “que explicou moi ben Pablo Casado hai uns días: “menos gasto público e máis amortización de débeda”. “No BNG non estamos de acordo con esta política, veña do PP ou de Compostela Aberta”, indicou.