Ames concédelle ao catedrático Ángel Carracedo a medalla do Concello de Ames
Este luns, 23 de xullo, tivo lugar as 20.00 horas no Pazo da Peregrina a celebración do Día de Galicia organizada polo Concello de Ames.
Este luns, 23 de xullo, tivo lugar as 20.00 horas no Pazo da Peregrina a celebración do Día de Galicia organizada polo Concello de Ames. Este acto, no que varios veciños e veciñas se animaron a ler varios poemas propios, tamén estivo marcado polo carácter reivindicativo dos discursos dos distintos grupos políticos municipais e a música interpretada por M.J. Pérez e Ailén Kendelman, así como pola entrega da medalla do Concello ao catedrático Ángel Carracedo.
O alcalde José Miñones fíxolle entrega ao catedrático Ángel Carracedo da medalla do Concello de Ames. Pese aos múltiples premios acadados ao longo da súa extensa vida profesional, Carracedo confesou que “este é un premio que ven dos veciños, da xente, polo que é un dos máis importantes”.
Tamén aproveitou para achegarlles aos asistentes varias anécdotas sobre a súa chegada ao concello de Ames, e o seu día a día en Bugallido. Por último, fixo fincapé na importancia de achegar a ciencia aos rapaces e rapazas, pero sobre todo, en achegarlle os valores e a proximidade que el atopou nos seus veciños.
Carracedo é recoñecido, ademais de pola súa traxectoria profesional, pola súa visión humanizada da ciencia e o seu compromiso coa divulgación científica. Actualmente coordina a investigación coa labor docente. É profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular na facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Por outro lado, a nota musical correu a cargo de M.J. Pérez e Ailén Kendelman, que actuaron de xeito conxunto durante toda a celebración, ata rematar co himno galego, momento no que foron acompañadas por todos os asistentes.
M.J. Pérez é unha das novas voces do panorama actual da música galega que está pisando forte. Logo de 2 discos autoproducidos e de case 100 concertos por toda Galicia, agora M.J. Pérez presenta “Casandra” o seu terceiro disco. Casandra é o primeiro disco de estudio da artista arzuá, no que ademais conta con colaboracións especiais como son Paco Cerdeira, Ailén Kendelman ou Richi Casás.