miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Cora Novoa, Seeking The Velvet, cabeza de cartel do Concerto das Bandas Galegas no Apóstolo

Cora Novoa, Seeking The Velvet, cabeza de cartel do Concerto das Bandas Galegas no Apóstolo
Cora Novoa, Seeking The Velvet, cabeza de cartel do Concerto das Bandas Galegas no Apóstolo

Branca Novoneyra lembrou que "o Goberno decidiu instaurar a celebración dun concerto con bandas galegas nas festas do Apóstolo, porque esta é tamén unha maneira de reivindicar a nosa identidade"

A praza da Quintana volverase encher de música con orixe galega no Concerto das Bandas Galegas. O espectáculo, unha das citas consolidadas nas festas do Apóstolo, será o próximo xoves, 26 de xullo. Ao escenario da praza da Quintana subirán cinco bandas e artistas de estilos moi diferentes "para mostrar a riqueza e a calidade da nosa produción musical".

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou  o Concerto das Bandas Galegas. Foi nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polos representantes dalgunhas das formacións participantes: Pedro Solla, de Atrás Tigre, e Paula Vilas, de Selvática. Tamén interveu Silvia Rodríguez, en representación de Coca Cola Iberian Partners, empresa que patrocina o evento.

Branca Novoneyra lembrou que "o Goberno decidiu instaurar a celebración dun concerto con bandas galegas nas festas do Apóstolo, porque esta é tamén unha maneira de reivindicar a nosa identidade, de poñer en valor a cultura que ten a súa orixe en Galicia, e de mostrar a súa variedade e a súa riqueza". A concelleira mostrouse convencida de que "o espectáculo deste ano vai sorprender, porque contamos con grupos moi eclécticos, con grandes promesas do panorama musical estatal como Marem Ladson, e cunha muller que é xa unha referencia mundial no eido da música electrónica, como é Cora Novoa, Seeking The Velvet".

A edila incidiu tamén en que "o programa deste concerto fíxose tamén dende a máxima que impera nestas festas, que é que o de 2018 é o Apóstolo das Mulleres". De feito, reiterou Branca Novoneyra, a gran cabeza de cartel deste espectáculo é unha muller, e a presenza feminina é moi destacable en todas as demais bandas que subirán ao escenario da Quintana".

Tanto Paula Vilas como Pedro Solla agradeceron "a oportunidade que brinda o Concello de que nas festas do Apóstolo actúen bandas de aquí". O representante de Atrás Tigre tamén quixo salientar "a aposta que se fai polas bandas galegas, no escenario principal das festas e no horario principal dos concertos, algo que non é o habitual".

Pola súa banda, a representante de Coca Cola reiterou o compromiso da empresa coas principais festas da capital galega. Silvia Rodríguez incidiu en que "a compañía fai sempre unha clara aposta pola industria musical, e neste caso estamos especialmente satisfeitos porque a elevada presenza de mulleres neste concerto vai acorde ao compromiso co empoderamento da muller que está mostrando Coca Cola a través de varios proxectos que ten en marcha".

Atrás Tigre

Olalla Cociña (teclados e voz), Xiana Arias (baixo), Pedro Solla (voz e guitarra) e Antón Blanco (batería) forman Atrás Tigre, un cuarteto con base en Santiago que define o seu son como unha metura de jangle pop, shoegaze e post punk. A poesía tamén está moi presente no seu traballo, influído polo feito de que Olalla, Xiana e Antón son tamén poetas. En 2016 editaron, en cassette, o EP Atrás Tigre, e un ano despois viu a luz o seu debut en formato longo, Fainos saír, desta vez editado en vinilo.

Selvática

Selvática naceu en 2014 en Río de Janeiro, da man de dous mozos emigrados: Manu G. Sanz e Paula Vilas. A finais de 2015 publican o seu primeiro álbum, Un mundo extraño, con temas que oscilan entre a new wave o post punk e os ritmos africanos. En 2016, sae ao mercado o segundo LP, Canciones cariocas, no que Selvática acentúa o seu carácter pop, sen olvidar os matices tropicais e as guitarras surfeiras. O seu terceiro disco, Seres abisales, viu a luz a finais de 2016. Na actualidade forman Selvática Manu G. Sanz (guitarra, voz e saxo), Paula Vilas (teclado e voz), Luismi G. Almuíña (guitrarra), Brais Otero (baixo e saxo) e Daniel Nicolás (batería).

Marem Ladson

Marem Ladson é unha moza metade ourensá metade norteamericana, que aos seus 20 anos está considerada unha das máis firmes promesas do panorama musical español. No pasado mes de maio viu a luz o seu primeiro disco, Marem Ladson, moi agardado dende que o seu primeiro single, "All my storms" a levara a gañar o concurso de bandas emerxentes do Festival Dcode o ano pasado, e a convertela en teloneira de Dirty Ray, Laura Gibson e Alondra Bentley. No seu primeiro disco reúne once cancións que se moven entre o pop, o rock e o folk estadounidense.

Espejos y Diamantes

Carlota Barro e Joaquín García "Quincho" forman o dúo ferrolán de synth pop elegante e emocional que é Espejos y Diamantes. A súa música traslada "un universo persoal cheo de chicos refinados, belísimas en desorde, vaguistas vanguardistas, aventuras NY-inas, Andy Warhol, Pitita Ridruejo, Maruja Mallo, Ana Obregón e Piel Divina". O seu obxectivo, din, "facer algo que soara á elegancia decadente das discotecas vellas dos hoteis, ás salas de festas dun cruceiro, co son techno pop dos 80"-

Cora Novoa, Seeking The Velvet

Cora Novoa é compositora, Dj, e directora creativa/fundadora de Seeking The Velvet, un selo discográfico independente de música electrónica e pop experimental. Distinguida como Mellor DJ do ano na VI edición dos Premios da Música Electrónica Vicious Adwards, leva máis dunha década na industria musical, nas áreas técnica, industrial e creativa. O seu primeiro disco, The secret garden", viu a luz en 2010 e converteuna na artista da música electrónica do ano, encargada de pechar o Sonar de Barcelona e con ducias de concertos por toda Europa e Latinoamérica. O seu último traballo, Figth love faith", no que o pop se abre camiño entre o son electrónico, está editado polo seu propio selo Seeking The Velvet.

Comentarios
Lo más