miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Bos datos para a atención sanitaria compostelá

Bos datos para a atención sanitaria compostelá
Bos datos para a atención sanitaria compostelá

Estabilízase nos 11 días a demora para operar a prioridade 1 (3,6 días menos que a media do SERGAS), e diminúe 4 días a espera con prioridade 2.

A Área Sanitaria de Santiago (que aúna a coordinación da asistencia entre os 76 centros de atención primaria e os hospitais de Compostela e da Barbanza) mantén a espera para unha intervención cirúrxica a 57 días (2,8 días menos que a media do SERGAS) e o número de intervencións programadas en xornada ordinaria en máis de 10.500 operacións, cun rendemento cirúrxico superior ao 76%.

En total realizáronse preto de 18.300 intervencións, cunha porcentaxe de intervencións ambulatorias superior ao 49%.

Cómpre destacar que diminúe un 12% o número de pacientes que esperan por unha intervención (943 doentes menos que no mesmo período do ano pasado). O 80% deles agardan, como máximo, 3 meses para ser intervidos.

Para os doentes máis graves, os de prioridade 1, a media de espera estabilízase nos 11 días (3,6 menos que a media do Sergas). Os de prioridade 2 esperan 51 días, uns 4 menos que no mesmo período do ano pasado na área compostelá.

Consultas externas

Con respecto ás consultas hospitalarias, no primeiro semestre leváronse a cabo unhas 426.500 consultas hospitalarias mantendo a espera para unha primeira consulta de enfermidade nos 32 días (no conxunto de hospitais da rede esperan unha media de 37,3).

A demora media para a atención nas 7 vías rápidas implantadas (cancro de pulmón, c. de mama, c. colorrectal, c. de próstata, melanoma, cabeza e colo, vexiga, ) está, en todas, por debaixo dos 7 días, moi inferior aos 15 días do obxectivo fixado polo SERGAS.

Esta situación foi posible grazas ao importante esforzo realizado nos últimos anos polos profesionais, dotando de maior capacidade de resolución ás consultas, elaborando protocolos de actuación que permitan unha mellor priorización dos doentes (co acordo de vías rápidas e vías clínicas conxuntamente entre os especialistas en Medicina Familiar e os dos centros hospitalarios) e novas fórmulas de atención, como a e-consulta, xa implantada en Alergoloxía, Anestesioloxía (unidade da dor), Cardioloxía, Cirurxía Maxilofacial,

Dermatoloxía, Endocrinoloxía, Hematoloxía, Medicina Interna, Nefroloxía, Pneumoloxía, Neuroloxía, Oftalmoloxía, Otorrinolaringoloxía, Reumatoloxía, Dixestivo, Neurocirurxía, Radioloxía, Traumatoloxía e Uroloxía. En total realizáronse 10.478 e-consultas (2.318 máis que no mesmo período do ano pasado)

Como novidade cómpre destacar a posta en marcha, este ano, das consultas de alxias muscolesqueléticas que facilitan o acceso dos pacientes que son atendidos de xeito multidisciplinar por profesionais dos servizos de Traumatoloxía, Rehabilitación e Reumatoloxía.

Por outra banda, nos centros de atención primaria da área sanitaria compostelá rexistráronse 2.160.970 consultas, 42.052 máis que no mesmo período do ano pasado e atendéronse 230.625 citas telefónicas. O programa conecta 72, que permite mellorar a continuidade asistencial a través da realización, nas 72 horas post-alta, dunha consulta telefónica por parte do enfermeiro/a de atención primaria aos pacientes que foron dados de alta hospitalaria, rexistrou 15.966 consultas.

Urxencias

No que atinxe á urxencia hospitalaria da XXIS realizáronse 92.371 atencións. Ao redor do 14% das urxencias atendidas nos hospitais da xerencia precisaron hospitalización, manténdose nos parámetros de anos anteriores.

A actividade nos PACs da Xerencia de Santiago foi de 132.732 asistencias.

Probas diagnósticas

O tempo medio de espera para unha proba de radioloxía convencional e radioloxía de mama está nos 15 días e para un TAC a demora é de 33 días (7 menos que o ano pasado), pese a facerse 527 TACs máis este ano.

Continúa a traballarse para reducir as demoras das endoscopias, e conseguiuse baixar 20 días de espera media nestas probas. As ecocardiografías están en 25 días de espera media.

Con respecto as probas de medicina nuclear, os pacientes esperan unha media de 8 días.

Comentarios
Lo más