miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Centro Ramón Piñeiro acolle desde hoxe o legado de Luísa Villalta

O Centro Ramón Piñeiro acolle desde hoxe o legado de Luísa Villalta
O Centro Ramón Piñeiro acolle desde hoxe o legado de Luísa Villalta

 O secretario xeral de Política Lingüística e a familia da escritora asinaron esta mañá o acordo de cesión que lle permite ao Ramón Piñeiro custodiar, estudar e difundir os materiais recibidos



O Pazo de San Roque acolleu esta mañá a sinatura do acordo de cesión polo que a familia de Luísa Villalta lle fai entrega do legado da escritora ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), que deberá encargarse a partir de agora de custodialo, divulgalo e estudalo.

O secretario xeral de Política Lingüística agradeceulles á nai e á irmá “dunha das autoras máis importantes da literatura galega recente”, representantes da familia, “a entrega xenerosa deste magnífico legado que nos permitirá afondar no coñecemento da obra de Luísa Villalta e achegarlles aos galegos e galegas diversos traballos que deixou inéditos”. Valentín García quixo lembrar que “estamos celebrando estes días o 25 aniversario do Ramón Piñeiro e, con este motivo, temos expostas neste edificio mostras doutros legados recentemente recibidos polo centro; legados dos que nos gabamos, porque entendemos que é o traballo serio e rigoroso deste cuarto de século o que nos fixo merecentes da confianza que as familias dos relevantes estudosos e literatos cuxas pertenzas custodiamos depositaron en nós”.

Xunto con Valentín García participaron no acto María Gómez Castro e Susana Villalta Gómez, nai e irmá de Luísa Villalta, respectivamente; e mais Manuel González e Armando Requeixo, coordinador científico e secretario do CRPIH, respectivamente.

Obras inéditas de máis de 1500 documentos

O legado que a familia da autora deposita no Ramón Piñeiro inclúe un conxunto de máis de setecentas fotografías da escritora; arredor de 600 cartas desta con diversos creadores galegos, cataláns, vascos e do resto do Estado, así como de Portugal e outros lugares; preto de medio cento de cadernos dietario; media ducia de poemarios manuscritos inéditos; unha peza teatral inédita mecanoscrita; un cento de conferencias con anotacións manuscritas; varios mecanoscritos con notas manuscritas de obras xa éditas; gravacións sonoras e videográficas de eventos nos que a escritora participou e diversa documentación persoal (pasaporte, DNI, libro de escolaridade, diplomas e outros).

Todos estes materiais serán clasificados e dixitalizados polos investigadores do CRPIH, que traballarán tamén na exhumación das obras inéditas e no estudo do conxunto da produción da autora.

Comentarios
Lo más