O Concello e a USC colaborarán no desenvolvemento do proxecto Smartiago de compra pública innovadora
O alcalde explicou que o convenio "permitirá que o Concello aproveite o coñecemento xerado no seo da Universidade de Santiago, poñendo en valor a propia USC"
A Universidade de Santiago vai colaborar co Concello no desenvolvemento na iniciativa Smartiago, de fomento da compra pública innovadora. Así se recolle no convenio asinado polo alcalde, Martiño Noriega, e o reitor da USC, Antonio López. O proxecto, financiado na súa primeira fase con máis de cinco millóns de euros de fondos europeos, procura solucións innovadoras na prestación de servizos públicos como a recollida e tratamento de residuos, a mobilidade e a iluminación pública.
O alcalde explicou que o convenio "permitirá que o Concello aproveite o coñecemento xerado no seo da Universidade de Santiago, poñendo en valor a propia USC". Martiño Noriega incidiu na importancia do programa Smartiago, que "aposta decididamente polo I+D+i, que non é unha simple declaración de intencións, e que pon a Compostela á vangarda do Estado no fomento da compra pública innovadora".
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Santiago salientou "a sintonía entre as dúas institucións, e o convencemento de ambas de que a USC e o Goberno local teñen que traballar cóbado con cóbado para conseguir unha mellor prestación de servizos para a cidadanía". Antonio López incidiu en que "é un obxectivo prioritario para a Universidade ver que as súas investigacións se acaban levando á práctica, e neste caso temos ao Concello como firme aliado para conseguilo".
En virtude do acordo asinado hoxe, o Concello e a Universidade promoverán iniciativas en materia de I+D+i que favorezan e contribúan ao desenvolvemento do Smartiago e colaborarán na identificación tanto dos retos tecnolóxicos como nas oportunidades de financiamento en convocatorias nacionais e internacionais que contribúan ao programa. O convenio, que ten unha vixencia de catro anos prorrogables por períodos sucesivos de dous anos, poderá ser desenvolvido a través de convenios específicos.
Comisión de seguimento
O convenio asinado hoxe contempla a creación dunha Comisión Mixta de seguimento que estará integrada polo concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática, Xan Duro, e o xefe do Servizo de Informática e Innovación, Jesús Rodríguez, en representación do Concello; e polo vicerreitor de Investigación e Innovación e o director da Área de Xestión e Valorización de I+D, por parte da Universidade de Santiago.
Proxecto Smartiago
Santiago foi a primeira cidade do Estado en asinar un convenio co Ministerio de Economía para a captación de fondos europeos FEDER para o fomento da compra pública innovadora. Na primeira fase do proxecto, cun prazo estimado de catro anos, procurarase o desenvolvemento de solucións innovadoras para as tres liñas estratéxicas definidas no programa: xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos, mobilidade intelixente sostible e alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio. O Goberno local xa ten presentadas estas liñas na Universidade de Santiago, co obxectivo de que os seus grupos de investigación traballen nas posibles solucións innovadoras.
Despois da primeira fase, e se se conseguen solucións satisfactorias, o Concello implantaríaas nos servizos municipais, converténdose en primeiro cliente dos grupos de investigación e, ao tempo, en socio parceiro que cobraría royalties se outras administracións contratan as mesmas tecnoloxías.