Investigadores de diferentes países reúnense esta semana en Santiago para analizar os achados máis relevantes en torno á figura de San Francisco de Asís
O encontro desenvolverase no Convento de San Francisco mañá martes e no Paraninfo da Universidade de Santiago o mércores e o xoves
A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares promove o Congreso Internacional Francisco de Asís, o Santo e os seus frades. Proxección no Occidente medieval. É unha iniciativa que se realiza en colaboración coa Universidade de Santiago, a Xunta de Galicia, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e a Provincia Franciscana de Santiago. Comeza mañá martes no Convento de San Francisco e prolongarase ata o vindeiro xoves, 19 de xullo. As xornadas do mércores e xoves terán lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia.
Esta iniciativa xorde ante os últimos descubrimentos de fontes e a renovación historiográfica franciscana, co obxecto de abrir o debate e o intercambio de experiencias na investigación sobre o estado actual do Franciscanismo, reunindo a un elenco de especialistas nacionais e internacionais de áreas diversas.
Tal como sinalan os organizadores, “no Finis Terrae, esta cidade é un lugar idóneo para este encontro, pois a tradición franciscana lígase ao feito xacobeo e aos Camiños de peregrinación medievais, que percorrían os frades na súa misión apostólica de predicación e hospitalidade”.