miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Jonathan Coe faise co XIII Premio Novela Europea Casino de Santiago

Jonathan Coe faise co XIII Premio Novela Europea Casino de Santiago
Jonathan Coe faise co XIII Premio Novela Europea Casino de Santiago

A súa obra ‘Expo 58’ impúxose ás dos outros catro finalistas: Manuel Rivas, Juan Gómez-Jurado, Clara Usón e John Banville

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente do Casino de Santiago, Ubaldo Rueda, anunciaron hoxe en rolda de prensa celebrada na sede do Casino o nome da obra gañadora da XIII edición do Premio Novela Europea promovido por esta institución compostelá co patrocinio de El Corte Inglés e o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Trátase de “Expo 58”, do escritor Jonathan Coe, quen se impuxo coa súa novela ás outras catro finalistas: “O último día de Terranova”, de Manuel Rivas; “Cicatriz”, de Juan Gómez-Jurado; “Valor”, de Clara Usón e “A guitarra azul”, de John Banville. O autor xa gañara no 2003 o IX Premio Literario San Clemente pola obra “O club dos canallas”.

Valentín García quixo lembrar que “o gran valor deste premio é que se trata en boa medida dun recoñecemento directo dos lectores e lectoras, de toda unha cidade que se converte en xurado que recoñece o traballo dun autor ou autora europeos”. O secretario xeral tivo tamén palabras de agradecemento ao Casino de Santiago por esta iniciativa que promove a lectura e o espírito europeísta.

Xurado amplo e diverso

O xurado do XIII Premio Novela Europea Casino de Santiago estivo composto por tres seccións que debían elixir a obra gañador entre unha das cinco novelas da Unión Europea previamente seleccionadas por unha comisión de expertos. A sección A, cun peso do 30% na decisión final, intégrana todos os residentes, estudantes e persoas que desenvolvan a súa actividade profesional na capital de Galicia; a sección B, cun peso do 20%, inclúe todos os socios do Casino e a sección C, cun peso do 50%, está formada por representantes de distintos estamentos da cidade, entre os que se encontra a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Esta mañá, unha hora antes da rolda de prensa en que se anunciou a resolución do premio, reuniuse a sección C do xurado para emitir o seu voto, abrir as urnas en que votaron as seccións A e B e facer o reconto total que deu como novela gañadora “Expo 58”, do británico Jonathan Coe.

Comentarios
Lo más