miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Ames inviste máis de 300.000 euros na mellora dos pavillóns deportivos de Bertamiráns e Milladoiro

Ames inviste máis de 300.000 euros na mellora dos pavillóns deportivos de Bertamiráns e Milladoiro
Ames inviste máis de 300.000 euros na mellora dos pavillóns deportivos de Bertamiráns e Milladoiro

Na actualidade estase executando o proxecto que recolle a construción dun novo ximnasio e dunha pista de squash cuberta no pavillón de Bertamiráns

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar este xoves, 12 de xullo, o proxecto que inclúe o cambio do pavimento do pavillón polideportivo de Bertamiráns. Esta obra, que foi adxudicada á empresa Medulio Servicios y Obras SL por un importe de 73.198,95 euros, será sufragada con cargo ao plan complementario do plan provincial de acción social (PAS). Asemade, hai 15 días, o pasado 28 de xullo adxudicouse estes mesmos traballos pero no pavillón do Milladoiro. Neste caso o contrato foi adxudicado por un importe de 65.339,27 euros. Na actualidade estanse executando obras de ampliación das dúas instalacións deportivas por valor de 155.941,12 euros e o arranxo dos teitos de ambos pavillóns por máis de 13.000 euros. Deste xeito vanse investir 307.479,34 euros na mellora de ditas instalacións deportivas.

O goberno municipal xa se reuniu coa empresa adxudicataria de ambos proxectos para falar sobre o inicio destas obras, que comezarán na semana do 23 de xullo no Milladoiro, para a continuación pasar ao pavillón de Bertamiráns. O obxectivo é poder realizar estes traballos durante os meses de xullo e agosto, para que ditos pavillóns estean en condicións de poder ser usados de cara ao mes de setembro coincidindo co inicio das actividades deportivas. Deste xeito, instalaranse dous pavimentos de madeira que son a mellor opción para a práctica das diferentes modalidades deportivas.

Na actualidade estase executando o proxecto que recolle a construción dun novo ximnasio e dunha pista de squash cuberta no pavillón de Bertamiráns. A pista de squash que se está construíndo no pavillón polideportivo de Bertamiráns será a primeira pista municipal onde se poderá practicar esta modalidade deportiva. Coa construción desta instalación preténdese promocionar este deporte dentro da área de influencia de Bertamiráns, despois do acordo adoptado coa Federación Galega de Squash. Ademais, esta pista vaise aproveitar nun futuro próximo para incorporar o squash nas escolas deportivas municipais.

O novo ximnasio tamén permitirá o desenvolvemento de numerosas actividades como aerozumba, ximnasia, ballet, predeporte e pilates, podendo incrementar o número de usuarios e usuarias nestas modalidades deportivas, que contaban con menor número de usuarios na actualidade ao estar acoutado o espazo deportivo.

Comentarios
Lo más