Ribeira dispón de sete novos peóns para reforzar os traballos de prevención de incendios
Prestarán os seus servizos durante nove meses a xornada completa e as súas funcións consistirán na xestión de biomasa en materia de prevención e defensa contra incendios forestais
Dende o venres 13, o Concello de Ribeira vai incorporar aos seu corpo de traballadores a un total de sete peóns como resultado de dúas liñas de axudas impulsadas pola Consellería de Economía, Empresa e Industria da Xunta de Galicia.
Dous destes peóns foron contratados dentro da iniciativa autonómica Aprol Rural, dirixida ao fomento do emprego no ámbito rural. Prestarán os seus servizos durante nove meses a xornada completa e as súas funcións consistirán na xestión de biomasa en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.
Ademais, outras cinco persoas integraranse na brigada de mantemento, mellora de vías e áreas verdes. Estes novos traballadores municipais foron contratados nunha liña de axudas dirixida a persoas perceptoras da Risga e desempeñarán o seu labor durante 7 meses nunha xornada laboral do 75%.