Paula Prado insta ao Concello de Teo a elaborar o informe urbanístico da planta de residuos de Casalonga
Indicou que a Consellería está a traballar na tramitación ambiental do proxecto “con totais garantías de transparencia e de participación de cidadáns, administracións e entidades”
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, demandou hoxe ao Concello de Teo que “elabore urxentemente o informe de compatibilidade urbanística do proxecto de planta de residuos de Casalonga, un documento totalmente vinculante e a través do que pode determinar ou avance ou non da súa tramitación deste proxecto”.
Logo da comparecencia da conselleira de Medio Ambiente no Pleno do Parlamento desta semana, Paula Prado lembrou que “a Lei de prevención e control integrados da contaminación establece que o Concello no que se pretende localizar unha instalación de tratamento de residuos deste tipo deberá emitir un informe urbanístico”.
NAS MANS DO CONCELLO
“No caso de Teo, o Concello ten nestes momentos nas súas mans a continuidade do proxecto da planta de Casalonga, xa que, se este informe municipal fose negativo, a Consellería de Medio Ambiente tería que finalizar o procedemento e arquivar as actuacións que ten realizadas ata o momento”.
En concreto, este informe municipal debe determinar e xustificar se este proxecto de planta de residuos é compatible urbanisticamente co plan xeral de Teo, polo que “o Concello ten na súa man a posibilidade de paralizar inmediatamente o proxecto”, dixo.
“A Xunta está a disposición do Concello de Teo para facilitarlle toda a axuda e colaboración na tramitación desta documentación, pero a día de hoxe a Consellería non ten recibido resposta algunha á reunión que celebraron hai un mes con responsables do Concello”, sinalou.
TRAMITACIÓN AMBIENTAL
Paula Prado explicou que “a conselleira deixou claro no Parlamento a postura que está a seguir a Xunta neste procedemento: o proxecto deberá cumprir o establecido na lexislación vixente e someterse ás esixencias do Plan de Xestión de residuos industriais de Galicia 2016-2022 para este tipo de instalacións, principalmente no relativo á localización da planta e á distancia que debe gardar con respecto aos núcleos de poboación”.
Nestes momentos, a Consellería está a traballar na tramitación ambiental deste proxecto de planta de residuos en Casalonga “con totais garantías de transparencia e no que contará coa participación dos cidadáns, administracións e entidades relacionadas”. “Se neste proceso se detecta que o proxecto incumpre calquera normativa europea, estatal ou autonómica, ou se hai algún informe negativo, como pode ser o urbanístico do Concello de Teo, non se autorizará esta planta de residuos”, manifestou.