A Deputación financia con 81.000 euros as melloras nos locais sociais de Visantoña e Arcediago no concello de Santiso
Valentín González Formoso inaugurou este venres o local social de Visantoña despois das melloras levadas a cabo cos fondos provinciais
A Deputación da Coruña investiu 81.405,96 euros nas melloras que se levaron a cabo nos locais sociais de Visantoña e Arcediago no Concello de Santiso.
O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, desprazouse ao municipio coruñés para inaugurar o local social de Visantoña, despois das melloras levadas a cabo cos fondos provinciais enmarcados dentro do Plan de Acción Social.
Formoso destacou que “as actuacións que se levaron a cabo permitiron a adecuación do local para o seu uso como un espazo de encontro para os veciños onde celebrar actuacións musicais e representacións teatrais, coloquios, charlas, reunións informativas ou calquera outra actividade similar”.
Entre as melloras realizadas procedeuse á demolición ou desmontaxe de aquelas partes do inmoble imposibles de recuperar para o seu uso, como os falsos teitos continuos de pranchas de escaiola, sanitarios e cuartos de baño, particións e instalacións, ademais da reposición de elementos como os vidros das carpinterías.
Espazo de ocio e disfrute para os veciños de Arcediago
Na parroquia de A Ponte de Arcediago, no lugar de Xoaine, tamén se levaron a cabo melloras no seu local social reconvertido nunha área recreativa situada ao carón do río Furelos.
As melloras levadas a cabo converteron o local, unha edificación sinxela de planta rectangular cunha estancia, dous baños, unha cociña e un porche na fachada principal, nun espazo de ocio e disfrute para os veciños moito máis dinámico e adaptado ás persoas discapacitadas.
Nas obras realizadas modificáronse as carpinterías interiores e os sanitarios, ademais de outras instalacións que tamén estaban afectadas. Tamén se procedeu á execución de novas particións e acabados e procedeuse á restauración do material de remate das fachadas, mediante lixado das táboas de madeira e aplicación de tratamento protector.