Hostelería de Santiago convoca unha reunión pola modificación da normativa das terrazas en Compostela
Celebrarase este luns, 16 de xullo, ás 17:30 h. na sede da Asociación
O Concello de Santiago informou esta semana que o Pleno da Corporación debaterá o próximo 19 de xullo a modificación da Ordenanza reguladora das terrazas e quioscos de hostalería, xa aprobada na Xunta de Goberno do pasado venres. Entre outros cambios, o novo texto pretende regular a figura das terrazas sitas en chan privado, limitar o prazo das autorizacións das terrazas con pechamentos estables e reducir as posibilidades de que estas instalacións ocupen espazo público máis aló da fachada do local ao que pertencen.
Ante a relevancia destas modificacións, a Asociación Hostelería Compostela decidiu convocar a todo o sector a unha reunión que se celebrará o vindeiro luns, día 16 de xullo, ás 17:30 horas na súa sede da Rúa Salvadas, 29. A este debate están invitados todos os hostaleiros de Santiago e comarca que estean afectados por dita normativa e queiran compartir as súas opinións, ideas e inquedanzas.
Este encontro enmárcase dentro do obxectivo xeral da Xunta Directiva da Asociación de fomentar o diálogo e a unión do sector en Compostela, escoitando as súas demandas e servindo de ponte coas distintas administracións para a defensa dos seus dereitos.