miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Contabilízanse preto de 450 votos na asemblea final de reconto dos Orzamentos Participativos 2018

Contabilízanse preto de 450 votos na asemblea final de reconto dos Orzamentos Participativos 2018
Contabilízanse preto de 450 votos na asemblea final de reconto dos Orzamentos Participativos 2018

A asemblea tivo lugar o pasado venres día 6 de xullo

O pasado venres, 6 de xullo, celebrouse no salón de plenos da Casa do Concello a asemblea final de reconto de votos dos Orzamentos Participativos de 2018. Contabilizáronse un total de 434 votos (422 válidos e 12 nulos). Tratouse dunha asemblea aberta e pública que se realizou coa máxima transparencia. Para o rural houbo que elixir entre 112 propostas, mentres que a mocidade tivo que votar entre 46 propostas. As persoas asistentes puideron ver nunha pantalla en tempo real o reconto dos votos e o resultado final do número de votos que recibiron as propostas de cada unha das parroquias, así como os investimentos e actividades/programas dirixidos á mocidade. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso no que se recolle o número de votos e a puntuación de cada proposta.

Por parroquias o reconto de votos foi o seguinte: Agrón 26 votos; Ameixenda 5 votos; Ames 78 votos (77 válidos e 1 nulo); Biduído 31 votos; Bugallido 74 votos (69 válidos e 5 nulos); Covas 14 votos; Lens 10 votos; Ortoño 37 votos (36 válidos e 1 nulo); Piñeiro 26 votos (25 válidos e 1 nulo); Tapia 27 votos e Trasmonte 8 votos. Ademais, contabilizáronse 98 votos (94 válidos e 4 nulos) para os investimentos e actividades/programas dirixidos á mocidade. En total, contabilizáronse un total de 434 votos (422 válidos e 12 nulos). Para o rural houbo que elixir entre 112 propostas, mentres que a mocidade tivo que votar entre 46 propostas.

Agora, unha vez feito o reconto de votos haberá que determinar as actuacións que se realizarán en cada unha das parroquia, tendo en conta a contía económica asignada a cada parroquia (12.000 euros), así como os investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos á mocidade, localizados un en Bertamiráns (25.000€) e outro no Milladoiro (25.000€) e as actividades/programas dirixidos á mocidade do Concello (10.000 euros).

Cómpre lembrar que previamente, do 25 de xuño ao 5 de xullo, realizáronse as asembleas de votación nos locais sociais das parroquias e nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. As persoas asistentes a ditas asembleas tiveron que votar entre as 158 propostas (112 propostas para o rural e 46 propostas para a mocidade) que foron seleccionadas previamente polas Comisións de Orzamentos Participativos.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, indicou “sentímonos orgullosas da nosa veciñanza e da súa implicación este ano nos Orzamentos Participativos 2018. O incremento do número de propostas presentadas de 186 no ano 2017 a 490 este ano 2018 e a cifra de veciñas/os que participaron no proceso de votación con 434 votos emitidos, amosa que imos no bo camiño e que temos que seguir avanzando e traballando nestas fórmulas de participación. Agradecer especialmente aos membros da Comisión de Mocidade e do Rural a súa participación e a ilusión amosada, pois somos conscientes do esforzo que supón adicar parte do seu tempo para esta actividade”.

Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto. A contía de 132.000 euros repartidos en partes iguais (12.000 euros) por cada unha das 11 parroquias para investimentos no rural: Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño. Ademais, 50.000 euros destinaranse a dous investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos a mocidade, localizados un en Bertamiráns (25.000€) e outro no Milladoiro (25.000€) e 10.000 euros destinaranse a actividades ou programas dirixidos á mocidade do Concello.

Comentarios
Lo más