miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

As Igrexas dos Camiños de Santiago abrirán este verán

As Igrexas dos Camiños de Santiago abrirán este verán
As Igrexas dos Camiños de Santiago abrirán este verán

Abrirán este verán grazas á colaboración entre Turismo de Galicia e as entidades eclesiásticas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial de Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe xunto ao bispo da Diocese de Lugo, Alfonso Carrasco, o programa de apertura de igrexas no Camiño de Santiago. Grazas a esta iniciativa de colaboración entre o Goberno galego e as entidades eclesiásticas, numerosos templos de diversas rutas xacobeas abrirán este verán.

Ao proxecto presentado esta mañá súmase tamén o existente coa Arquidiocese de Santiago de Compostela, o que permite que os viaxeiros se acheguen ao rico e variado patrimonio cultural existente no Camiño de Santiago. Os templos incluídos neste programa terán un amplo horario de visitas durante toda a semana –cun único día de descanso– e contarán con persoal para poder interpretar e explicar a historia, o valor e o significado destes lugares.

“En Galicia gústanos compartir o noso patrimonio e a nosa identidade, pois consideramos que é o mellor xeito de preservalo e enriquecelo”, salientou Nava Castro, quen subliñou que se beneficiarán deste programa non só os peregrinos, senón tamén os galegos en xeral e todos os turistas que desexen coñecer os recursos da Comunidade ata o outono.

No caso da Diocese de Lugo, abrirán ás súas portas igrexas e capelas do Camiño Francés, do Camiño Primitivo e da Vía da Prata. Trátase de espazos localizados tanto na provincia de Lugo como na de Coruña e Pontevedra, en concellos incluídos en dita diocese. A todos eles se engaden os templos da Arquidiocese de Santiago de Compostela no Camiño Francés, no Camiño Portugués e no Camiño Inglés, amais de na capital galega, meta da peregrinación.

Impacto cultural positivo

No acto desenvolvido en Melide, coa participación de diferentes autoridades relixiosas e civís, comentouse tamén o folleto editado para este programa, con información e horarios das igrexas participantes. Como lembrou a directora de Turismo, a Xunta vén de realizar un estudo coa Universidade de Santiago de Compostela para analizar o impacto da ruta en diferentes eidos, entre eles o cultural. Neste sentido, subliñou que unha das conclusións é que un dos aspectos máis valorados polos residentes dos concellos polos que discorre o Camiño de Santiago é a súa contribución á restauración e á mellora do patrimonio cultural e a oportunidade para coñecer outras culturas. “Con este acordo de colaboración entre a Xunta e a Diocese de Lugo, estamos a reforzar esta percepción”, declarou Nava Castro.

Nun 2018 no que se celebra o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e o 25 aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio Mundial, afirmou que son “contextos propicios para seguir traballando a prol do gran tesouro que gardan os itinerarios xacobeos”.

Este programa será, como manifestou, unha oportunidade para persoas de todo o mundo, pois só no que vai de ano recolleron a súa Compostela, que acredita a culminación da ruta, máis de 138.000 persoas, o 61% estranxeiros de 160 países. O volume de camiñantes, que adoita ser maior na tempada estival, está a ser este ano un 9,5% superior que en 2017.

Templos participantes

No caso da Diocese de Lugo, abrangue as igrexas de Santa María de O Cebreiro, Santiago de Triacastela, o punto de información do Mosteiro de Samos, O Salvador de Sarria, San Nicolás de Portomarín, O Salvador de Vilar de Donas, San Tirso de Palas de Rei, San Xoán de Furelos, San Pedro de Melide, Santiago de Boente, Santa María de Fonsagrada, Santa María de Vilabade, a Catedral de Lugo, incluída na declaración de Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte, Santiago de Taboada, en Silleda, e Santa María de Dozón.

Pola súa banda, na Arquidiocese de Santiago de Compostela inclúense os templos de A Peregrina en Pontevedra, a Capela de San Marcos no Parque Monte do Gozo, a Capela Xeral de Ánimas, San Bieito, Santa María do Camiño, San Andrés de Barciela, o Mosteiro das Beneditinas, a Colexiata de Iria Flavia, a Capela da Madalena, Capela de Francos, Santo Domingo de Betanzos, Santa María de Betanzos e Santiago de Betanzos.

O Plan director do Camiño de Santiago, co que a Xunta está a traballar desde 2015 cun orzamento de máis de 56 millóns de euros, conta con oito liñas estratéxicas, entre as que se inclúen accións de colaboración coas entidades eclesiásticas, a potenciación de todas as rutas de peregrinación e a preservación e potenciación dos seus valores patrimoniais. 

Comentarios
Lo más