Cardeñosa e Tomás Abelleira non continúan no Compostela
O central José Manuel Rodríguez Casáis, Cardeñosa, e o mediocentro Tomás Abelleira Dueñas non seguirán o próximo ano na SD Compostela. Os dous xogadores branquiazuis decidiron non aceptar a proposta de renovación da entidade por diferentes motivos persoais, entre os que se encontra, no caso do primeiro, tamén o tema laboral
O central José Manuel Rodríguez Casáis, Cardeñosa, e o mediocentro Tomás Abelleira Dueñas non seguirán o próximo ano na SD Compostela. Os dous xogadores branquiazuis decidiron non aceptar a proposta de renovación da entidade por diferentes motivos persoais, entre os que se encontra, no caso do primeiro, tamén o tema laboral.
Deste xeito, o proxecto non poderá contar con dous dos futbolistas con maior protagonismo nos dous últimos cursos. A maiores, coa marcha de Cardeñosa tamén se despide un dos capitáns do grupo.
Cardeñosa chegou fai dous veráns ao Compos procedente do Arosa e nestes dous cursos asentouse no centro da zaga. Na súa primeira tempada disputou 24 encontros, 23 deles de titular, mentres que nesta segunda aumentou os rexistros ata os 35 partidos, catro en playoff, nos que saíu de inicio en todos menos nun. Pecha esta etapa en Santiago con cinco goles, un deles na volta da eliminatoria contra o Espanyol B.
Pola súa banda, Tomás variou a súa posición nestes dous anos, pero non así o seu protagonismo no once de Yago. No seu primeiro ano, alternou a mediapunta con algún minuto en banda ou na punta de ataque, mentres que no segundo atrasou a súa posición ao mediocentro, aínda que tamén xogou un pouco máis adiantado no playoff.
Na primeira tempada xogou 25 partidos, 22 de titular, con sete goles marcados, e na última campaña 36 encontros, 27 deles de inicio, nos que marcou catro dianas e guiou o xogo dos branquiazuis. No playoff saíu de titular en todos os partidos.