Santiago acolle o Campionato de España de Escalada Deportiva en Idade Escolar
Preto de 80 deportistas tomaron parte nesta proba que tivo lugar no rocódromo Indorwall da capital de Galicia
O rocódromo Indorwall foi a sede do Campionato de España de Escalada Deportiva en Idade Escolar que se celebrou a pasada fin de semana na nosa cidade. Na proba participaron 80 deportistas procedentes de Galicia, Madrid, Castela e León, Estremadura, Valencia, Andalucía, Euskadi, Aragón e Castela-A Mancha.
O número máximo de participantes por comunidade autónoma foi de 8, en equipos formados por tres deportistas masculinos e tres femininas, un seleccionador ou seleccionadora e unha persoa responsable da exposición.
A competición estaba organizada pola Federación Galega de Montañismo e a Federación Española de Escalada Deportiva, en colaboración co Consello Superior de Deportes, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago. A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, definiu este campionato como "unha oportunidade para que siga chegando xente a Santiago e o faga nun evento que se celebra por primeira vez".
O responsable de deporte escolar da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME), José Miguel García, sinalou que se tratou dun evento "histórico para o montañismo español, xa que se celebra por primeira vez un campionato destas características, que permitirá formar aos nenos e nenas que competirán no futuro en París 2024". De feito, a escalada está incluída, por vez primeira, como disciplina olímpica.
Velocidade, bloque e dificultade
Celebráronse tres probas diferentes, comezando o sábado día 7 coas probas de velocidade, que se desenvolveron nas fases clasificatoria e final nunha única eliminatoria onde se computaba o mellor tempo. Con posterioridade celebráronse as probas de escalada en bloque, onde a primeira fase tiña un formato de rotación á americana e se dividiu en 6 bloques.
Xa o domingo tiveron lugar as probas de dificultade, desenvolvidas en formato "ao flash" na primeira fase de clasificación, cun mínimo de dúas vías distintas e obrigatorias de escalada e cun máximo de 6 minutos, e en formato "á vista" na fase final, cunha única vía.