Xornalistas Galegas nace en Compostela
Arrancou onte sábado, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, coa sinatura dun manifesto fundacional no que se recollen os principais obxectivos para integrar a perspectiva feminista no xornalismo
O colectivo Xornalistas Galegas arrancou onte sábado, 7 de xullo, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, coa sinatura dun manifesto fundacional no que se recollen os principais obxectivos para integrar a perspectiva feminista no xornalismo, e defender ás mulleres de todos os ámbitos das ciencias da comunicación.
A reunión deste sábado tivo carácter fundacional e supón o terceiro encontro despois do 8M, cando as mulleres xornalistas participaron do movemento e da folga feminista cun masivo seguimento nas rúas de toda a xeografía galega. Así, houbo xa dúas reunións coa participación directa de máis de 40 mulleres e o apoio de case 200 profesionais da comunicación que por distintos motivos (como o laboral) non puideron facelo presencialmente.
MANIFESTO
O manifestó engloba as reflexións e reivindicacións deste colectivo baixo o título ‘Por un xornalismo feminista’. Ademais das sinaturas recollidas no acto celebrado en Santiago, o manifesto estará dispoñible na rede para a adhesión das mulleres pertencentes a este colectivo.
Nel faise fincapé na necesidade dun “xornalismo colectivo e solidario que aúne forzas para o ben común”.
Asemade, recóllese que, pola condición de xornalista, este colectivo ten “unha oportunidade única de reverter esta situación e incidir na creación dunha corrente de opinión masiva que esixa un xornalismo implicado co feminismo e a igualdade real”.
Tamén recorda que, como mulleres, “padecemos o machismo do mesmo xeito que todas as nosas iguais e, como xornalistas, estamos suxeitas a unhas condicións profesionais e laborais específicas que perpetuan a desigualdade de xénero dun xeito que consideramos inasumible”.
REDES SOCAIS
Dende este sábado, o colectivo comezará a funcionar en redes sociais como @asxornalistas (Twitter), para visibilizar os seus obxectivos, entre os que se atopa “realizar unha vixiancia feminista dos contidos dos medios e denuncia pública e directa as publicacións machistas ou sexistas”.