miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Santiago leva os sabores do magosto de Álvaro Pérez á Gala de Tapas por Galicia

Santiago leva os sabores do magosto de Álvaro Pérez á Gala de Tapas por Galicia
Santiago leva os sabores do magosto de Álvaro Pérez á Gala de Tapas por Galicia

Os gañadores dos concursos de petiscos das sete cidades galegas competirán o 17 de xullo nunha Gala Show Cooking organizada por Turismo de Galicia en Compostela

Álvaro Pérez Blanco, chef do gastrobar ArteSana, representará a Santiago na final do certame De Tapas por Galicia co seu Taco de Outono, unha proposta que concentra os sabores do magosto recuperando os produtos e costumes tradicionais de Galicia. A gala show cooking terá lugar o vindeiro 17 de xullo no hotel AC Palacio del Carmen de Santiago e nela competirán os gañadores dos concursos de petiscos das sete cidades galegas.

Organizado por Turismo de Galicia, o concurso De Tapas por Galicia busca promover a creatividade gastronómica, especialmente a presentada en pequeno formato, como elemento dinamizador do turismo urbano, no que cada vez máis os visitantes buscan un achegamento á cultura, ás tradicións e á innovación dos seus destinos tamén a través do padal.

Sobre a base dunha filloa, a receita de Álvaro Pérez recrea o outono e o magosto galegos unindo aos seus produtos estrela, a castaña e o chourizo, unha mousse de queixo San Simón, uns matices de fiúncho e cebola aceda encurtida e un afumado de eneldo como lembranza ao fume das fogueiras nas que na súa infancia asaba as castañas na escola.

A final do cuarto certame De Tapas por Galicia desenvolverase nun show cooking no que participarán os sete chefs galardoados nos concursos das súas respectivas cidades. Ao remate da gala entregaranse dous premios, un deles outorgado por un xurado de profesionais da gastronomía e a restauración e outro concedido por unha selección do público asistente.

No evento, Álvaro Pérez competirá con Alejandro Martínez, do Café Vanessa (Ferrol); Sergio Musso e Francisco Chicón, do restaurante Eclectic (Coruña); Rubén González Vallejo e Sergio Orge, de El Cafetín (Pontevedra); Rafael Pérez Iglesias, do gastrobar-restaurante La Carpintería (Vigo); Bianca Coura e Pablo Domínguez Veloso, do restaurante A Adega das Caldas (Ourense); e Alejandro Méndez Lázare, da Arrocería Os Cachivaches (Lugo).

Comentarios
Lo más