miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Praza Roxa acolle este sábado o 5º Mercado ECO&ART

A Praza Roxa acolle este sábado o 5º Mercado ECO&ART
A Praza Roxa acolle este sábado o 5º Mercado ECO&ART

Alimentación saudable, tenza responsable de animais ou concienciación sobre o uso das bolsas de plástico complementan a exposición de produtos ecolóxicos e artesanía de autor

O Mercado Eco&Art regresa este sábado, 7 de xullo, á Praza Roxa compostelá para ofertar non só produto ecolóxico certificado e artesanía de autor de Santiago e comarca, senón tamén varias actividades relacionadas cun estilo de vida saudable e responsable non só con respecto á nutrición senón tamén aos animais ou á necesaria redución dos plásticos. O Mercado, quinto e penúltimo, está promovido pola Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia (APEGA) e a Fundación Santiago Centro, en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e o Concello de Santiago.

O obxectivo dos promotores e establecer lazos duradeiros entre os expositores e o público, favorecendo o consumo de produto ecolóxico certificado e apoiar a produción artesá de Compostela e comarca. Dinamizar o Ensanche como espazo de compras e lecer, e proporcionar aos composteláns actividades de interese no centro, son outros dos obxectivos que se pretenden cumprir co Mercado, que terá a súa derradeira edición o vindeiro sábado 14 de xullo.

Este sábado, a oferta comercial compleméntase coa realización de varias actividades. O Club compostelán Só lles Falta Falar estará presente durante a mañá para ofrecer información sobre a tenza responsable de animais e as súas actividades. Tropa Verde SCQ, plataforma de fomento da responsabilidade ambiental, realizará na Praza Roxa pola tarde varias actividades destinadas ao público infantil, e repartirá entre o público bolsas reutilizables. Estas actividades enmárcanse na programación da plataforma para conmemorar o Día Mundial sen Bolsas de Plástico, celebrado o pasado día 3 de xullo. E durante a mañá, no Centro Cívico do Ensanche acollerá dúas charlas, sobre Alimentación Saudable Infantil e para Deportistas, a cargo de Nahuel Picchi, graduado en Nutrición e especialista en Nutrición Deportiva. As charlas son de acceso libre e gratuíto.

A oferta do Mercado, que abre ao público de 11:00 a 20:00h., inclúe alimentos de produción ecolóxica certificados como aceite de oliva, empanadas, tés, doces, conservas ou frescos, entre outros. No que se refire á artesanía, estará presente a Asociación Jaime Rever, radicada en Teo, unha ONG que mantén en Palmarín (Senegal) unha escola de educación especial que se financia con doazóns e a venda de produtos artesanais feitos polo alumnado adulto do centro, todos eles confeccionados con teas africanas da comunidade. Durante o horario de xantar (a partir das 12:00 do mediodía), haberá tamén oferta de polbo na Praza Roxa, tanto para levar como para consumir nas cafeterías ou terrazas.

Comentarios
Lo más