Conta atrás para a celebración do medio maratón “O Gran Camiño”
O vindeiro domingo 8 de xullo disputarase a segunda edición do medio maratón “O Gran Camiño”. A proba de 21 quilómetros dispútase polo Camiño de Santiago entre as localidades de Arzúa e O Pino
O excampión de España de Maratón e vencedor da pasada edición, Pedro Nimo, e o campión galego de trail Alberto Carou, figuran entre os inscritos na media maratón O Gran Camiño que o vindeiro domingo, 8 de xullo, percorrerá os 21 quilómetros que separan Arzúa e O Pino.
A saída da proba será ás 10.00 horas do domingo 8 de xullo diante do albergue público de Arzúa en pleno camiño francés.
O Camiño Francés e os peregrinos que ese día percorran a ruta xacobea serán os outros grandes protagonistas do Gran Camiño, que organizan os concellos do Pino e Arzúa, en colaboración coa Federación Galega de Atletismo e El Corte Inglés.
A entrega de dorsais e bolsa de corredor, co patrocinio de El Corte Inglés, realizarase na planta de deportes de El Corte Inglés Santiago nos seguintes prazos:
-Venres 6 de xullo de 16 a 22 horas
-Sábado 7 de xullo de 10 a 22 horas
A organización, que dotará dun sistema de autobuses para trasladar aos atletas ao punto de saída na localidade de Arzúa, permitirá recoller o dorsal na zona de meta entre ás 08.30 e 09.15 horas.
Cunha dificultade técnica media segundo a organización, o percorrido transcorrerá maioritariamente por zonas de terra dura, o que permitirá a utilización de calquera tipo de calzado. A ruta está considerada rápida na segunda metade da proba, xa que a saída está a maior altitude que a meta.
Na edición do ano pasado, a maioría dos atletas destacaban a beleza do percorrido e que puidesen compartir un tramo do Camiño cos centos de peregrinos que ese día camiñaban cara a Compostela. Pedro Nimo, que se impuxo con claridade, quere repetir vitoria este ano.
A organización establece premios en metálico de entre 300 e 50 euros para os seis primeiros clasificados da xeral, e de 300 a 75 para os catro primeiros clubs. Ademais, os tres primeiros, tanto da xeral como de cada categoría, recibirán un trofeo conmemorativo.
A saída darase ás 10.00 horas en Arzúa e a meta estará situada no lugar de Lameiro, a carón da piscina municipal de Arca (O Pino). O control na meta pecharase ás 12:45 horas. Neste mesmo punto localízanse tamén os vestiarios e as duchas para todos os participantes.
A organización estableceu un sistema de transporte, mediante autobuses cada 15 minutos, que trasladarán aos participantes dende a liña de meta ata o punto de saída entre ás 08.15 e as 09.30 horas.
Na meta, haberá tres puntos de avituallamento para os corredores, que estarán situados nos quilómetros 5, 10 e 15 do percorrido.